Escoitar

O Concello poderá ofrecer ata 57 prazas na futura escola infantil da Praza da Industria

O goberno de Vigo aprobou este xoves o proxecto para adaptar o baixo do edificio municipal do Camiño do Chouzo, cun orzamento de 627.000 euros. O alcalde solicitou que sexa financiada cos fondos europeos que o Goberno de España transfire á Xunta e recibiu o beneplácito da ministra de Educación, segundo afirmou.

xoves, 25 nov 2021
Abel Caballero, este xoves en rolda de prensa.
Abel Caballero, este xoves en rolda de prensa.

As obras de acondicionamento do baixo terían unha duración de catro meses e un orzamento de 627.000 euros, segundo o proxecto validado este mesmo xoves en Xunta de Goberno Local. Explicou Caballero que a nova escola municipal para nenos e nenas de cero a tres anos contará con tres aulas, sala de usos múltiples, lavandería, comedor, despensa, cociña, despachos, sala de reunións, baño adaptado, aseos, almacéns e espazos exteriores para patio de xogos e ocio dos pequenos e pequenas.

Os traballos a executar afectarían a uns 650 metros cadrados de superficie e inclúen a demolición da cuberta da zona do almacén, dos interiores e a desmontaxe das escaleiras existentes, para facer un novo saneamento, unha nova división horizontal e colocación de illamento, cuberta de vidro no exterior, fontanería, baños, redes de calefacción, ventilación, electricidade, datos e iluminación.

O alcalde trasladou que o futuro centro terá capacidade para ofrecer oito vacantes para o primeiro curso, ata o ano de idade, outras 23 prazas para nenos e nenas de entre un e dous años e ata 26 máis para escolares de dous a tres anos de idade. En total, un máximo de 57 novas prazas que se engaderían ás 674 que ofreceu este curso nas nove escolas infantís das que dispón o Concello.

Abel Caballero asegurou que “imos facer unha escola infantil certamente notable” e recordou que lle demandou tanto á administración autonómica como á estatal que a súa construción sexa sufragada con cargo a fondos europeos. A este respecto, o alcalde afirmou que “a ministra de Educación apoia esta opción e nós propuxémolo á Xunta de Galicia: se trata de que os recursos que o Goberno de España envía á Xunta de Galicia sexan tamén para a nova escola infantil de Vigo”.

Outros acordos

En rolda de prensa, o primeiro edil informou dos principais asuntos abordados este xoves na Xunta de Goberno Local. En primeiro lugar, Caballero destacou a aprobación das bases do programa de subvencións a ONGs de desenvolvemento para a realización de programas de cooperación internacional, convocatoria pública dotada con 60.000 euros.

O Concello prevé sufragar ata o 95% dos proxectos beneficiarios, cun máximo de 15.000 euros por candidatura, explicou Caballero, priorizando os países menos adiantados ou cun índice de desenvolvemento humano baixo, territorios afectados por conflitos ou crises humanitarias. Vigo busca que a cooperación internacional que respalde promova dereitos sociais básicos como a auga, a educación, a saúde ou a alimentación, apoie unha agricultura, pesca ou acuicultura sostibles, e que impulse a igualdade de xénero, os dereitos da muller e da infancia. Como colectivos principais a atender, as mulleres e nenas, a mocidade, poboación refuxiada ou desprazada, indíxena ou minorías étnicas, entre outras.

En segundo lugar, o goberno vigués ratificou o convenio coa entidade Monte da Mina de Castrelos. O acordo estipula unha achega municipal de 17.000 euros, explicou Caballero, para as súas actividades e a xestión do viveiro de asociacións existente no seu local social.

Por último, Abel Caballero deu conta da indemnización á empresa adxudicataria dos servizos nas piscinas e ximnasios municipais pola suspensión da execución do contrato, por mor do coronavirus. O Concello abonará 85.500 euros pola obrigada paralización decretada entre o 27 de xaneiro e o 30 de abril do presente ano.

Descargar todas as imaxes