A unanimidade do Pleno pide á Xunta unha Unidade de Demencias no Hospital do Meixoeiro
A Corporación esixe ao goberno autonómico que cumpra o seu compromiso, adquirido no ano 2018, de dotar ao centro hospitalario desta unidade na Área Sanitaria de Vigo fixando o espazo concreto e os profesionais que a atendan.
A concelleira socialista, Yolanda Aguiar, expuxo que a Unidade de Demencias comprometida pola Xunta desde hai máis de tres anos “é máis necesaria ca nunca” tendo en conta que, segundo os datos de FAGAL (Federación Alzheimer Galicia) máis de 70.000 persoas sofren demencia na comunidade.
Lamentou a edil responsable da área de Política Social o incumprimento dos anuncios nos medios de comunicación dos conselleiros de Sanidade, tanto do Sr. Almuíña como do actual García Comesaña, sobre a “apertura inmediata” da unidade e cualificou de “indignante e frívolo” que mentise afirmando que xa existía a Unidade cando aínda se están iniciando as obras. A moción socialista foi aprobada por unanimidade.
Ampliación do Centro de Saúde de Bouzas
O Pleno celebrado este mércores acordou tamén, co apoio de tódolos grupos municipais agás o PP, que votou en contra, instar á Xunta de Galicia a dotar presupostariamente as partidas precisas nos seus Orzamentos para 2022 para acometer con urxencia a ampliación do centro de Saúde de Bouzas, de xeito que se garanta a asistencia sanitaria digna, incluíndo Pediatría, a todas as veciñas e veciños de Bouzas sen ter que desprazarse a outro centro sanitario.
O voceiro socialista Carlos López Font expuxo que, coa dotación actual, cun médico e sen pediatra, o centro soamente pode atender 800 pacientes “moi lonxe da poboación de Bouzas” polo que “non responde ás necesidades actuais da poboación nin pode absorber a futura demanda”. Tal e como recolle a moción aprobada, o proxecto inicial sufriu un recorte en espazo, dotación material e de persoal sanitario, pasando dunha superficie de 1300 metros cadrados a 600 e dun orzamento de 2,2 a 1,3 millóns de euros.