Escoitar

O Concello proponse aprobar en 2022 as normativas de baixas emisións e patinetes

O Pleno aprobou este mércores o seu Plan Normativo para o próximo ano, un documento que recolle a previsión do goberno de Vigo de actuar sobre seis ordenanzas e regulamentos municipais. A regulación das zonas de baixas emisións e a circulación dos Vehículos de Mobilidade Persoal, entre as incluídas.

mércores, 24 nov 2021
Carlos Font defendeu a proposta normativa municipal no Pleno da Corporación celebrado este mércores en sesión ordinaria.
Carlos Font defendeu a proposta normativa municipal no Pleno da Corporación celebrado este mércores en sesión ordinaria.

A Xunta de Goberno Local dera luz verde ao Plan Normativo o pasado 5 de novembro e este mércores foi ratificado pola Corporación, cos votos do grupo de goberno e a abstención dos partidos da oposición. Polo goberno vigués, Carlos Font explicou que a intención é aprobar catro novas ordenanzas, modificar outra e validar un regulamento no próximo ano, en todos os casos nas áreas de Medio Ambiente e de Mobilidade.

Vigo prevé aprobar unha nova ordenanza de cemiterios e derogar a actual, que data da década dos sesenta do pasado século, e outra de vertidos non domésticos de aguas residuais para substituír á vixente, de 1994. O Plan cita ademais a modificación da actual normativa da XER, co obxectivo de actualizar os métodos de pago que xa se aplican na rúa, segundo indicou Font, e o regulamento da Policía Local. Sobre esta última cuestión, o concelleiro explicou que foi traballado “de forma intensa este ano” e se busca acadar o “consenso” con todos os sindicatos.

Por outra banda, o goberno de Vigo contempla sacar adiante o ano que vén dúas ordenanzas máis de nova creación. O Concello vai adaptar á súa normativa á Lei estatal de cambio climático, que obriga aos municipios con máis de 50.000 habitantes a declarar zonas de baixas emisións antes de 2023. Así, en virtude do Plan Normativo, a cidade terá determinados estes espazos ao longo do próximo ano 2022.

En segundo lugar, a administración que preside Abel Caballero prevé regular a circulación dos patinetes e Vehículos de Mobilidade Persoal (VMPs) durante o 2022. Segundo trasladou Font aos corporativos e corporativas, a norma municipal está “a cabalo” entre o 2021 e 2022 porque se agardou polos anuncios ao respecto da Dirección Xeral de Tráfico, e suporá a ordenación da circulación, os requisitos e as condicións de uso en Vigo destes medios de transporte. Pese a figurar no Plan do próximo ano, Font non desbotou que sexa aprobada este mesmo ano.

Debate

Os voceiros dos grupos da oposición coincidiron en censurar o grao de cumprimento dos plans normativos aprobados en anos anteriores. O edil nacionalista, Xabier Pérez Igrexas, afirmou que, no mandato actual, de dezasete proxectos recollidos nestes documentos foron validados cinco e botou en falta no de 2022 a revisión do regulamento de Participación Cidadá, que ten trinta anos de vixencia.

Rubén Pérez Correa, de Marea de Vigo, aseverou que o novo texto incorpora ordenanzas xa incluídas en anos anteriores, polo que demanda unha “avaliación” do cumprimento do Plan Normativo. Alfonso Marnotes, polo PP, asegurou que o marco xurídico vigués está “obsoleto” e insistiu en que os Plans “non se executan”.

A este respecto, Carlos Font explicou que, dos vinte nove meses do actual mandato, dezaoito transcorreron durante a pandemia, co que o balance é “positivo” dentro das "dificultades" da xestión derivadas do Covid. O concelleiro argumentouno recordando a aprobación das ordenanzas de ascensores, do uso e goce das praias, das terrazas, do taxi e da administración electrónica.

Descargar todas as imaxes