Escoitar

Declaración Institucional polo Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres

Rosa Chantada Abollo, presidenta da asociación “Mulleres e Palabras”, colectivo integrante do Consello Municipal da Muller, foi a encargada de ler a Declaración Institucional polo 25-N e rexeitar a violencia contra as mulleres.

mércores, 24 nov 2021
Rosa Chantada na lectura do manifesto no pleno polo 25N
Rosa Chantada na lectura do manifesto no pleno polo 25N

De que estamos falando cando dicimos violencia? A ONU define 'violencia' como todo acto que teña ou poida ter como resultado un danoou sufrimento físico, sexual ou psicolóxico para as mulleres, así como as ameazas detales actos, a coacción ou a privación arbitraria de liberdade, tanto se se producen navida pública como na vida privada.

Durante este ano e ata o día de hoxe rexistráronse 56 feminicidios, asasinatos de mulleres cometidos por homes no Estado español polo feito de sermos mulleres. E isto só recolle o número de asasinatos. Pensade na definición da ONU, cantas violencias quedan atrás, cantas non se enumeran nin se visualizan, cantas violencias se sofren en silencio? Aínda que todas as mulleres do planeta podemos sufrir violencias, temos que lembrar algunhas mulleres e nenas que son especialmente vulnerables, por exemplo:

– as mulleres máis maiores e as nenas–as mulleres identificadas como lesbianas, bisexuais, trans ou interse 

– as mulleres emigrantes e refuxiadas– as mulleres de pobos indíxenas ou de minorías étnicas

– as mulleres e nenas que viven co VIH  as mulleres con discapacidades

– as mulleres e nenas prostituídas e vítimas de explotación sexual

–as mulleres que viven en crises humanitarias
 
–as mulleres pobres, con escasos recursos...

Sabemos que o feminismo naceu como obxectivo de outorgarlles dereitos ás mullerese ás crianzas e que un dos puntos imprescindibles para acadar a igualdade é erradicara violencia contra as mulleres.

Este último ano por mor da pandemia incrementouse esta violencia, sobre todo, no fogar. Co acceso limitado aos servizos públicos, as mulleres e nenas estabamos nunha situación de maior vulnerabilidade. Se a isto lle engadimos a dobre ou tripla xornada de traballo que as mulleres vimos desenvolvendo, feito este que aínda hoxe en día a sociedade ten completamente normalizado, entendemos que o noso desenvolvemento persoal resulta minguado e a vulnerabilidade, agravada.

Estas situacións de violencias apenas se denuncian por causa da impunidade da que gozan os agresores, mentres as vítimas sofren o silencio, o estigma e a vergoña. Nas sociedades actuais os feminicidios son o resultado da violencia misóxina levada ao extremo; así, xorden como a forma máis visible das violencias. Pero existe tamén omaltrato, o dano, o repudio, o acoso... En moitas destas sociedades existe unha percepción social desvalorizadora do papel das mulleres. Isto, xunto á supremacía masculina e á non presenza das mulleres nas escalas de poder e na toma de decisións, ocasiona que esteamos moi lonxe de acadar o dereito a sermos libres e o dereito á paz na vida das mulleres.

A maior parte dos asasinatos prodúcese nunha organización social baseada na dominación dos homes sobre as mulleres. As vítimas son as crianzas e mulleres dediferentes idades, condicións económicas e educativas. Moitas veces, os asasinatos cométenos homes que as propias mulleres coñecen. A violencia supón un mecanismo de dominio, control e opresión de xénero das mulleres. Ao longo da vida as nenas, as adolescentes, as mozas, as maiores, as anciás son obxecto de agresións sexuais, físicas, emocionais, verbais, patrimoniais e simbólicas.

A sociedade considera natural esta violencia e culpabiliza as nenas e as mulleres e mesmo nos sinala como vítimas propiciatorias deses delitos, mentres que exonera os homes. Noutras ocasións, frivolízanse estas violencias con chistes como parte dun humor cultivado socialmente ao abeiro da cultura machista. Todo axuda a perpetuar a violencia contra as mulleres. Temos que poñer fin a esta violencia e para iso cómpre:

– Profundar nas leis de violencia contra as mulleres dotando as institucións deorzamentos para que cumpran os seus cometidos.

– Conseguir un empoderamento económico das mulleres, pois a dependencia económica e os poucos ingresos constitúen un factor de risco para que as mulleres e as criaturas permanezan en situacións de violencia.

– Fortalecer políticas públicas que favorezan a inclusión das mulleres na vida social e económica.
 
– Reformar o sistema xudicial, de saúde, empresarial, educativo... para fornecer as mulleres de medios de prevención e alerta.

– Dispoñer medidas que conduzan a transformar a cultura machista onde se impliquen os homes e os nenos.

Queda moito por facer, pero aquí e agora todas e todos estamos dispostos a transformar a nosa sociedade para conseguir unha vida plena para as mulleres, chea de dereitos iguais que os dos homes para podermos vivir en liberdade. Porque se as mulleres vivimos en paz, o mundo vivirá en paz..."

Descargar todas as imaxes