Escoitar

Vigo ofrece atención telefónica ás mulleres as 24 horas do día

A través do teléfono 986 293 963 poden recibir asesoramento xurídico, social ou apoio psicolóxico. A Xunta de Goberno Local prorrogou a cesión dunha vivenda de protección municipal a mulleres vítimas de violencia de xénero e o contrato da xestión das Escolas Infantís de Mestres Goldar e Navia.

venres, 3 abr 2020

O alcalde sinala que o período de confinamento é un momento no que “se recrúa a violencia de xénero” polo que fixo un chamamento á cidadanía viguesa para que chame ao Concello se sospeita dalgún caso na súa contorna.

Caballero informou da aprobación por parte da Xunta de Goberno Local da prórroga excepcional na cesión dunha vivenda municipal de protección para mulleres vítimas de violencia de xénero e explicou que o Concello ten a disposición de tódalas mulleres un teléfono “permanente”, operativo as 24 horas do día, no número 986 293 963 onde poden recibir apoio social, asesoramento xurídico, atención psicolóxica e mesmo poden xestionar recursos de acollemento para as mulleres que o precisen. Amais, está operativo o correo electrónico info.muller@vigo.org para calquera cuestión que precisen as mulleres.

O Concello segue prestando tamén o servizo de atención domiciliaria á infancia para aquelas mulleres con fillos que deben seguir traballando fóra da casa en sectores esenciais.

Así mesmo, a Xunta de Goberno aprobou a prórroga dun ano do contrato para a xestión da Escola Infantil Municipal Mestres Goldar por un importe de 178.000 euros e da Escola Infantil Municipal de Navia cun importe de 166.000 euros. O rexedor explicou que as 8 escolas infantís municipais, con 620 prazas, están subvencionadas nun 82% resultando “practicamente gratuítas” e con máis da metade dos usuarios sen ter que aboar nada. Nestes momentos, o Concello paralizou o cobro das cotas ás familias dado que non se está prestando o servizo aínda que o profesorado mantén a atención ás familias desde a casa.