Escoitar

O Concello reforza o servizo de Benestar Social coa contratación de 6 traballadores

O goberno local contratará a seis auxiliares administrativos para axilizar a tramitación das axudas que está a recibir o departamento de Benestar Social. Ademais, o pavillón do Berbés aínda ten camas dispoñibles para as persoas sen fogar.

xoves, 2 abr 2020
O alcalde, en rolda de prensa por videoconferencia.
O alcalde, en rolda de prensa por videoconferencia.

A Xunta de Goberno aprobou esta mañá a contratación de catro auxiliares administrativos para a Concellería de Benestar Social, un servizo ao que se incorporarán en breve outros dous traballadores procedentes tamén da bolsa de emprego municipal. O obxectivo é reforzar a xestión dun departamento que está a recibir moita demanda de atención xa que as axudas teñen que darse con “prontitude e inmediatez”, dixo o rexedor.

Respecto dos servizos que xa está a prestar o Concello, Caballero avanzou que a pasada noite foron 41 as persoas que durmiron no pavillón do Berbés, o que deixa aínda 9 vacantes para pernoctar. Sobre a intención de habilitar unha nova instalación para persoas sen fogar de Vigo e, eventualmente, da área metropolitana, o alcalde admitiu que se están a atopar co problema de falta de camastros. É Cruz Vermella a que está a buscar este mobiliario pero non é doado “porque hai certa escasez debido á alta demanda que existe na actualidade”. Logo de aclarar que, se fora preciso, se buscarán fórmulas alternativas, explicou que o pavillón do Berbés xa está a aloxar a persoas de Redondela, O Porriño e Baiona, pero é posible que se incorporen máis usuarios dado o traballo de rúa que segue a localizar a persoas sen fogar que practican a mendicidade e que nestes momentos precisan aloxamento. “Vigo quere amosar a súa solidariedade coa área metropolitana porque somos un territorio real aínda que sen substrato xurídico. Engadiu a importancia que tería nestes momentos a existencia da figura xurídica da área para tomar decisións conxuntas para 600.000 persoas e lamentou, unha vez máis, a decisión do presidente da Xunta de paralizar este ente supramunicipal.

Doazóns
O alcalde deu conta de que o Concello recibiu do pantallas protectoras contra o coronavirus do Centro de Formación Profesioal de Coia. Serán o persoal de servizos sociais os que reciban este material de protección que Caballero agradeceu no nome de toda a cidade.

Descargar todas as imaxes