Escoitar

O alcalde pide anticiparse na programación do IFEVI como hospital de campaña

Nun segundo escrito a Núñez Feijóo, Abel Caballero solicita novamente o plan de continxencia sanitaria, información da residencia de Barreiro e reitera a oferta de colaboración da cidade. Sobre a posible apertura do recinto feiral: “Nesta crise sabemos que temos que anticiparnos aos feitos porque se non, imos tarde e mal”

mércores, 1 abr 2020

O alcalde anunciou este mércores o envío dunha nova carta ao presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, solicitándolle o plan de continxencia sanitaria da área de Vigo ante o coronavirus. Caballero recordou que xa llo pedira por escrito o 25 de marzo, sen obter resposta algunha.

Caballero considera “imprescindible” manter unha relación directa coas autoridades sanitarias “ao máis alto nivel”, logo de non ter comunicación algunha nin do presidente, nin de ningún conselleiro ou director xeral autonómico. O rexedor ve necesario ter “algunha coordinación alomenos da Xunta co Concello”, pois a cidade de Vigo centraliza a atención hospitalaria dun área de 600.000 persoas, e para coñecer os recursos dispoñibles na cidade.

A este respecto, o rexedor referiuse á posibilidade aberta onte pola Xunta de habilitar o IFEVI como hospital de campaña, opción que o propio Caballero xa propuxera á subdelegada do Goberno na provincia, Maica Larriba, e ao delegado do Goberno na comunidade, Javier Losada, segundo desvelou hoxe mércores.

Logo dunha conversa telefónica co xerente da área sanitaria, Abel Caballero agradeceu a chamada mais demandou o plan de continxencia (porque “se hai que poñer en uso novos espazos, nós temos que estar preparados”) e información precisa sobre as condicións que teñen que darse para que a Xunta decida habilitar o recinto feiral como hospital de campaña. O rexedor advertiu: “Nesta crise sabemos que temos que anticiparnos aos feitos porque se non, imos tarde e mal”.

“Coa mellor das vontades”, insistiu Caballero, “quero cooperar e a nosa cooperación é total, pero queremos coñecer a programación para planificar os nosos propios efectivos tamén”. Vigo quere ter toda a información sanitaria da súa área “para apoiar á Xunta na súa tarefa, no que sexa preciso facer, con todos os efectivos que temos na cidade”, concluíu.

Barreiro

No escrito a Núñez Feijóo, o alcalde de Vigo solicita información en detalle da “gravísima situación” que atravesa a residencia DomusVi de Barreiro, con decenas de usuarios e traballadores con coronavirus. Caballero recordou que lle corresponde á Xunta de Galicia a inspección e instou a recibir comunicacións oficiais para saber en que pode apoiar o Concello, que xa remitiu 17.000 pares de luvas ao centro de maiores, segundo citou Caballero.