O goberno de Vigo contrata a asistencia técnica para o control da obra de reforma da Porta do Sol
A Xunta de Goberno Local aprobou a asistencia técnica á dirección de obra municipal para o control e seguimento da execución do soterramento do tráfico rodado na Porta do Sol. Ademais, segundo explicou o alcalde, tamén recibiu o visto e prace a licitación do servizos de xestión de Vigosónico.
O alcalde de Vigo, Abel Caballero, informou este venres de que a Xunta de Goberno Local do Concello aprobou o expediente de contratación do servizo de asistencia técnica á dirección de obra municipal para o control e seguimento da execución das obras de “Soterramento do tráfico rodado da Porta do Sol e humanización e transformación peonil da actual rede viaria”.
Segundo explicou o rexedor, o orzamento de licitación é de 400.868 euros. O pasado 29 de de xaneiro xa se puxo a primeira pedra para a humanización, que será cofinanciado con Fondos Feder da UE dentro do proxecto Edusi-Vigo Vertical e que foi adxudicado á UTE Civis Global-Gevora Construcciones por 13.480.000 euros.
Caballero avanzou que o Concello xa traballa tamén na segunda fase do proxecto, no que se acometerá a construción dun novo túnel e ter a humanización completa entre Polciarpo Sanz e Pi y Margall. “Temos recursos suficientes para asumir a obra dunha forma inmediata”, explicou.
“É unha grandes obras que se está facendo en toda España para peonalizar a cidade sen restricións ao tráfico”, engadiu. A humanización da Porta do Sol ten un prazo máximo de execución de 2 anos.
Vigosónico
Por outra banda, a Xunta de Goberno aprobou o expediente de contratación dos servizos de xestión do Centro de Usos Múltiples Vigosónico cun orzamento base de licitación de 377.888,04 euros por un prazo de tres anos.