O Concello e a Deputación inician a humanización da estrada Porto Beade
Abel Caballero e Carmela Silva amosaron a súa “satisfacción” por dar cumprimento á demanda veciñal de mellora da vía, durante o acto de colocación da primeira pedra dunha obra que ascende a 3,5 millóns de euros.
“As cidades fanse atendendo todo o territorio. Estamos facendo un Vigo novo no que queremos que tódolos lugares se incorporen ao avance e o progreso” sinalou o alcalde durante o acto de colocación da primeira pedra, no inicio das obras. Segundo explicou, a mellora desta estrada provincial fora demandada “de forma importante” pero sen ser escoitada ata que o Concello e a Deputación de Pontevedra “asumimos de forma conxunta a humanización e toda a reforma”, polo que agradeceu a Carmela Silva a súa disposición, así como o labor da Asociación de Veciños de Beade e de toda a veciñanza que cooperaron nun proceso complexo ata chegar ao comezo das obras, nun día de “ledicia no que estamos satisfeitos” polo traballo desenvolvido.
A presidenta provincial, Carmela Silvia, cualificou a obra como “a máis importante que a Deputación vai acometer na provincia na que estamos realizando un cambio radical en todas as infraestruturas”, cun importe de 3,5 millóns de euros nun lugar, dixo, que “estivo abandonado durante 50 anos” e sobre o que a veciñanza levaba anos reclamando melloras. Así, tamén agradeceu a cooperación veciñal coa cesión de terreos para poder levar adiante a obra. Amais, avanzou o compromiso da Deputación de presentar un proxecto, a petición do alcalde, para o conxunto da vía que “atravesa gran parte do concello de Vigo”.
Segundo explicaron, as obras acométense nun tramo de 1,3 quilómetros e teñen un prazo de execución de 18 meses cun orzamento de 3,5 millóns de euros.