O Concello referenda o seu apoio á Orquestra Clásica de Vigo co obxectivo de consolidar públicos
O edil de Cultura participou este venres na presentación do programa da Clásica de Vigo para o primeiro semestre, “Miradas”, que ofrece concertos en marzo, abril e maio no García Barbón. Abel Losada subliñou a “seriedade e profesionalidade” dunha orquestra á que o Concello axuda con 21.000 euros.
O concelleiro explicou que a música clásica é un “obxectivo moi importante” do goberno vigués á hora de “educar e captar públicos” no eido cultural, polo que amosou a “satisfacción total” do Concello cunha “moi boa orquestra que traballa con seriedade e profesionalidade” co obxectivo de consolidar audiencias.
Esta finalidade é compartida por Concello e Orquestra Clásica de Vigo, cuxo director técnico, Manuel Martínez, afondou a idea de chegar ao público e elaborar un programa de concertos pensado para o espectador. Precisamente a división en semestres é unha novidade deste ano que procura facer o abono máis accesible e flexible para a cidadanía.
A proposta para esta primeira metade do ano preséntase baixo o título “Miradas”, buscando ofrecer unha visión aberta e actual da música sinfónica a través dunha ollada crítica ao pasado. A Clásica abre a tempada o 14 de marzo interpretando a Grieg e a Falla (con entradas e abono xa a venda na súa web orquestaclasica.com) e ofrece tres concertos no teatro Afundación de García Barbón onde diversidade e complexidade están presentes, conxugando obras de distintos estilos e autores que proporcionan unha lectura única da música sinfónica.
A segunda cita ten lugar o día 16 de abril, con repertorio de Haydn e Mozart, e o terceiro e último será un mes despois, o 16 de maio, cun programa composto por obras Elgar e Mendelssohn. Nos tres concertos a Orquestra Clásica de Vigo inclúe a estrea das obras gañadoras do concurso CreaClásica 2019 e a formación tamén recorda este ano o 250 aniversario do nacemento de Beethoven, con aberturas do compositor alemán.