O Auditorio Mar de Vigo acollerá o musical infantil “A Bela Dormente"
Fundega organiza o vindeiro 15 de febreiro coa colaboración do Concello a actuación musical “A Bela Dormente e o bosque escondido”, dirixida ao público familiar e destinado especialmente aos máis pequenos. As entradas xa están a venda en Ataquilla.com
A Fundación para o Desenvolvemento Educativo de Galicia (Fundega) organiza, en colaboración co Concello de Vigo, a actuación do musical “A Bela Dormente e o bosque escondido”. A función celebrarase o vindeiro sábado 15 de febreiro (17:30 horas) no Auditorio Mar de Vigo e as entradas xa están á venda en Ataquilla.com.
A concelleira de Políticas de Benestar Social, Yolanda Aguiar, animou á cidadanía a asistir a unha actuación que vai “dirixida ao público familiar e destinada especialmente aos máis cativos”, aínda que teñan cabida todas as idades. Na presentación levada a cabo no Concello tamén estiveron presentes José Luis Prieto Fenech, presidente de Fundega; Beatriz Terol Riestra, do padroado; José Manuel Rodríguez Lago, director do Colexio Montecastelo, e Dori Gómez, responsable de marketing de Vitrasa.
Da man de Jana Producciones, o espectáculo “ A Bela Dormente e o bosque escondido” representa unha divertida adaptación do conto de Perrault en formato musical. Beatriz Terol sinalou que se trata “dunha historia de aventuras trepidante, con 10 cancións con moito ritmo, acompañadas de excelentes coreografías e dunha gran posta en escena chea de luces e maxia”.
Cunha duración de 70 minutos o musical enche o escenario no que aparecen ata 16 personaxes ataviados cos seus diferentes vestiarios coloridos, proxeccións e, sobre todo, moito humor e diversión.