Escoitar

Vigo e Redondela cooperarán na extinción de incendios

Na primeiro reunión oficial entre Abel Caballero e Digna Rivas, ámbolos rexedores acordaron asinar un convenio mediante o cal os bombeiros de Vigo asuman a extinción de incendios en Redondela. Abordaron tamén a cooperación na Senda Verde e na Senda da Auga.

mércores, 5 feb 2020

O alcalde de Vigo e a súa homóloga de Redondela, Digna Rivas, mantiveron este mércores o primeiro encontro oficial para tratar a relación e asuntos de interese entre ámbolos municipios.

Ao remate do mesmo, Abel Caballero explicou que Vigo e Redondela asinarán un convenio que estableza a cooperación das emerxencias dos bombeiros de Vigo coa área de Redondela para a extinción de incendios, abonando o custo correspondente e, “en consecuencia, cumprir a lei e dar garantía á cidadanía das necesidades que poidan ter”. Segundo relatou, o Concello de Redondela, con 30.000 habitantes, está obrigada por Lei a contar con servizos de extinción de incendios, algo que non aconteceu co último alcalde, nos últimos 8 anos, tal e como apuntou o rexedor, que considera que “houbo un incumprimento e complicidade da Xunta non esixindo esa provisión de Lei”.

En segundo lugar, Caballero e Digna Rivas decidiron abordar de forma coordinada a construción do punto de enlace da Senda Verde entre os dous municipios para que “sexa continua, que non haxa ruptura” na zona limítrofe das antigas vías do tren.

Por último, o alcalde de Vigo e a alcaldesa de Redondela decidiron promover a utilización conxunta da Senda da Auga establecendo o acondicionamento de todo o trazado, desde a presa de Eiras ata o Concello de Vigo, uns terreos que son propiedade de Vigo e onde o Concello xa instalou semáforos que dan prioridade ás bicicletas fronte aos vehículos nos tramos máis complicados para a circulación.

Descargar todas as imaxes