O Concello inaugura a mostra “Desafío Illas Cíes” na Casa das Artes
É o resultado dun dos proxectos da candidatura Illas Cíes Patrimonio da Humanidade que, segundo o alcalde, permite o achegamento entre ciencia, cultura e sociedade a través de residencias artísticas nas Illas.
A Casa das Artes acollerá desde este venres, 7 de febreiro, ata o 8 de marzo, a exposición “Desafío Illas Cíes” que comprende 6 proxectos fotográficos e 6 proxectos de vídeo que foron realizados nas illas, durante unha residencia artística, para “enxalzar o que significan”, tal e como avanzou Abel Caballero.
A mostra nace como un dos proxectos da Candidatura Illas Cíes Patrimonio da Humanidade para traballar a parte social e cultural da candidatura coa que o goberno municipal procura o “achegamento entre ciencia, cultura e sociedade” a través das residencias artísticas nas Illas.
Comisariada por Jorge Lens e Paulino Pérez, o Desafío audiovisual amosará as curtametraxes de Carlotta Napolitano (“Lago dos nenos”), Dani Cornes (“Onde dormen as gaivotas”), Ekaterina Linke (“Illas Cíes. Nacidas do silencio”), Juan Lorenzo Loureiro (“Ventral”), Laura García Calleja (“Archipiélago”) e Roi Grandío (“O último desexo”). O Desafío fotográfico permitirá contemplar o traballo de Ángel Torres (“Cíes misteriosas”), Carolina Conti (“Haiku”), Christian Domínguez (“O son das Cíes”), Esther Naval (“Outra dimensión”), Javier Pérez de Lis (“Arquipélago”) e Samuel Ortiz (“Creba en Cíes”).