O alcalde solicitará celeridade a Aviación Civil para o informe da ampliación do IFEVI
“A próxima semana voume ver co director xeral de Aviación Civil exclusivamente para solicitarlle celeridade na emisión do informe preceptivo e vinculante sobre a ampliación do IFEVI”, avanzou este martes Abel Caballero, como xa fixera co responsable de Estradas. O alcalde contrapuxo o “empeño total” do Concello na ampliación cos “paus na roda” da Xunta de Galicia
Caballero censurou que a Xunta de Galicia tardase “vinte días” en remitir ao Concello de Vigo o proxecto de ampliación e contrastouno cos tempos municipais, pois o Concello resolveu “en dúas horas” a súa saída á exposición pública. O goberno de Vigo ademais remitiu a exposición pública a relación de bens e dereitos afectados polo proxecto, documento do que tomou coñecemento este martes o consello da Xerencia municipal de Urbanismo.
“O noso empeño en conseguir que se amplíe o IFEVI é total”, subliñou o alcalde, co horizonte de ter o recinto feiral ampliado na edición de outono de Conxemar. Así, e tal e como fixo co director xeral de Estradas do Ministerio de Fomento, Abel Caballero adiantou que “a próxima semana voume ver co director xeral de Aviación Civil exclusivamente para solicitarlle celeridade na emisión do informe preceptivo e vinculante que ten que emitir sobre a ampliación do IFEVI”.
No tocante á urxencia de ter o Instituto Feiral de Vigo ampliado para a edición 2020 de Conxemar, Abel Caballero conclúe que “hai dúas actitudes: a da Xunta, que só fai poñer paus na roda, e a nosa, que resolvemos os trámites en cuestión de horas”.
Bases para as axudas municipais a familias
Por outra banda, o alcalde informou de que o Boletín da Provincia de Pontevedra (BOPPO) publicou o luns as bases do Programa de Axudas Extraordinarias a Familias contra Desafiuzamentos e para Subministros e Alimentación por un importe de 1,55 millóns de euros.