O Concello colaborará con Navalia na realización de concertos e actividades de ocio na cidade

O alcalde recibiu este luns ao comité executivo da Feira Internacional da Industria Naval de Vigo, que terá lugar do 19 ao 21 de maio coa práctica totalidade da superficie expositiva xa ocupada. Para trasladar á cidadanía a importancia deste sector e deste evento profesional, Abel Caballero anunciou “algún concerto” ou acto festivo en Vigo.

luns, 3 feb 2020

O alcalde subliñou que a edición deste ano de Navalia ten xa case que toda a superficie do IFEVI reservada, polo que “todo vaticina un éxito moi importante” deste evento, que se consolida como “unha gran feira do naval en Europa”.

Así, e no marco de Navalia, Caballero anunciou que “faremos algunha celebración cidadá” para trasladar á cidadanía viguesa a relevancia do sector naval e desta feira, como pode ser actividades de ocio e incluso “algún concerto” en Vigo. “É moi importante que a cidade tamén viva a feira do naval”.

No tocante á situación do Hijos de J. Barreras, o alcalde amosou a súa satisfacción por ter evitado o concurso de acredores, “un paso tan importante” que garante unha “vía de saída aberta” para o estaleiro. “Sería moi malo para Navalia, para o naval e para toda Galicia” que se celebrase esta feira internacional co principal estaleiro privado galego en situación de concurso de acredores. Ao respecto, Abel Caballero lamentou a “ausencia” da Xunta de Galicia neste proceso, pese a ostentar a competencia en industria naval, e amosou a “disposición do alcalde de Vigo” na procura de solucións.

Descargar todas as imaxes