Escoitar

O Concello chega a un acordo con ADIF para a cesión de 15.000 m2 na zona de Isaac Peral

A Administradora de Infraestruturas Ferroviarias (Adif) está disposta a ceder uns 15.000 metros cadrados entre a zona portuaria de Guixar e Isaac Peral. O Concello adicará os terreos a instalacións deportivas e de ocio para a cidadanía, segundo avanzou o alcalde.

martes, 4 feb 2020

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, informou este martes en rolda de prensa das negociacións que está mantendo coa presidenta da Administradora de Infraestruturas Ferroviarias (ADIF), Isabel Pardo de Vera, para a cesión de terreos na zona de Isaac Peral que serían adicados a instalacións deportivas e de ocio.

“Hai dous meses que estou en conversas con ADIF para lograr a cesión, expuxen por primeira vez a cuestión en setembro e xa tiven tres reunións coa presidenta para a cesión do espazo máxima posible e convertelo en zona de ocio e deportiva da cidade”, sinalou o rexedor aos medios de comunicación.

Segundo explicou, existe xa un acordo verbal e agora mesmo ambas administracións buscan a fórmula xurídica para que este 15.000 metros cadrados pasen a ser de competencia municipal. En calquera caso, o alcalde avanzou que o obxectivo é ocupar “en breve prazo” os 30.000 metros cadrados dos que dispón ADIF entre a estación de Guixar, o Porto e Isaac Peral.

“Necesitan tempo para acomodar toda a operativa que ten na zona, onde aparca un tren de mercancías, esa é a razón pola que non pode ceder todo o espazo, pero aspiro a que todo quede en zona verde e deportiva da cidade, o necesitamos”, apuntou Caballero.

Sobre o futuro que se lle dará aos terreos, o alcalde indicou que a idea é facer canchas de baloncesto e balonmán porque “Vigo no centro non ten nada, non podemos ser unha cidade cun centro moi poboado e non ter ningunha vida”.

O rexedor destacou a gran receptividade á cesión por parte da presidenta de ADIF e advertiu de que non permitirá outra utilización do terreo. “Esa zona está a escasos metros de vivendas e un colexio, que ninguén teña a tentación de meter aí actividade ruidosa, dura ou portuaria, non imos deixar que ninguén teña na porta de casa unha actividade pesada, ten que haber unha zona de transición e así ten que deseñala o urbanismo”, apuntou.

Descargar todas as imaxes