Escoitar

O Concello enviará hoxe á Xunta un borrador de convenio para garantir o instituto de Navia

O Concello de Vigo iniciará a aprobación definitiva do Plan Parcial de Navia supeditando o resto da tramitación a que a Xunta asuma o convenio de colaboración que garanta a construción do instituto de Navia. O documento proposto polo Concello recolle que o IES sexa a primeira edificación en uso no ámbito do Plan Parcial.

mércores, 5 feb 2020

O Concello enviará hoxe o borrador dun convenio de colaboración coa Xunta para a construción do instituto de Navia. Dentro das liñas de actuación de cada parte, o documento recolle que o Concello aprobará definitivamente a segunda modificación do Plan Parcial e, unha vez que a Xunta adscriba as parcelas dotacionais públicas ao Concello, o goberno local procederá á instrución e tramitación dun expediente de cesión á administración autonómica dunha parcela de titularidade municipal de 12.576 m2 (ao lado da última rotonda de Teixugueiras).

Dada a urxencia deste servizo educativo, ambas partes manifestan a súa vontade para que o novo IES de Navia sexa a primeira edificación en uso no ámbito deste Plan Parcial. Así a Consellería de Educación comprométese a licitar con cargo aos orzamentos da Xunta a redacción dos proxectos básicos e de execución nun prazo dun mes desde a entrada en vigor do Plan Parcial, así como o inicio da execución das obras nun prazo dun ano. A urbanización, a construción, o equipamento e a posta en funcionamento do instituto estará rematado nun prazo máximo de dous anos desde a luz verde do Plan Parcial.

O rexedor fixo estas declaracións o mesmo día que a conselleira de Educación, Carmen Pomar, visitaba o IES Valladares, onde acoden a diario os estudantes desde Navia, percorrendo 8 quilómetros para ir a clase. A este respecto, instoulle á responsable a explicar porque a Xunta non constrúe un instituto en Navia, a zona de poboación nova máis grande de Galicia.

O rexedor avanzou que o Concello “non quere atrasar o Plan Parcial de Navia” polo que procederá á realizar xa o primeiro trámite da aprobación do ámbito, pero supeditará o resto da tramitación a que a Xunta asuma este convenio para “ter a seguridade total de que a Xunta vai facer o instituto”.