Escoitar

O Concello abre a convocatoria de emprego en entidades sen ánimo de lucro, con 1,1 millóns

As solicitudes poderán ser presentadas durante dez días hábiles desde a publicación no BOP da convocatoria, aprobada este xoves polo goberno de Vigo. O Concello reserva 1.150.000 euros ao efecto e poden optar entidades veciñais, culturais, socioasistenciais, sindicais, empresariais, deportivas e comunidades de montes.

xoves, 6 feb 2020

Abel Caballero puxo en valor un programa que apoia a contratación de profesionais en organizacións sen ánimo de lucro, reforzando a súa capacidade de acción e fortalecendo o tecido social vigués.

En función do tipo de entidade, o Concello destina unha contía específica dentro da convocatoria global, dotada de 1,1 millóns de euros. Así, o goberno de Caballero reserva 245.000 euros para as asociacións veciñais e culturais, 330.000 euros para as sociais e asistenciais, 25.000 euros para as organizacións sindicais, 200.000 euros para as empresariais, 145.000 euros para comunidades de montes e 205.000 euros para entidades deportivas.

O alcalde vigués manifestou a súa satisfacción coa iniciativa e indicou que “non coñezo ningunha outra cidade cun programa parecido” a este, que apoia a contratación de traballadores para o funcionamento das entidades sen ánimo de lucro.

Escola de Idiomas

En rolda de prensa, Abel Caballero informou da adxudicación en Xunta de Goberno Local das axudas para estudar idiomas no estranxeiro, das que se benefician 98 alumnos e alumnas da Escola Oficial de Idiomas de Vigo. O goberno da cidade destina 175.000 euros.

Do total, unha axuda é para estudar chinés, catro para portugués e outras tantas para francés, sete para italiano, doce para alemán, catorce para xaponés e 56 para inglés. Este programa, recordou o alcalde, se engade ás 900 bolsas de inglés que concede o Concello de Vigo para alumnado de Secundaria.

O alcalde de Vigo quixo poñer énfase na “importancia” dunha iniciativa educativa sen parangón nas cidades españolas, posto que Vigo abona un millar de axudas para estudar idiomas no estranxeiro, cun orzamento total de 2,2 millóns.

Camelia

Por último, Caballero deu conta da aprobación das bases do 56º Concurso Exposición Internacional da Camelia, que este ano terá lugar no auditorio Mar de Vigo do 29 de febreiro ao 1 de marzo.