Escoitar

"De Coia ao mar" pinta o carril bici da avenida de Castelao

Uns 35 membros da asociación de veciños Camiño Vello de Coia pintarán o treito do carril bici comprendido entre as rúas O Grove e Marín o domingo, 11 de maio. Os 1.200 metros escollidos constitúen a primeira fase do programa "De Coia ao mar", dirixido á recuperación do camiño do bulevar para bicicletas e peóns, que pretende a futura continuación ata a praia de Samil.

venres, 9 mai 2003
1052477800carrilbici2.jpg
Cartel da iniciativa
O concelleiro de Vías e Obras, Uxío González, presentou xunto aos representantes da A. VV. Camiño Vello, Elena González e Pablo López, o inicio do proxecto que abrangue o tramo que separa a praza de América da rúa Porriño, cunha superficie de 6.000 metros cadrados, o equivalente á lonxitude de 19 campos de fútbol e á área do estadio de Balaídos.

Uxío González salientou a importancia da colaboración co movemento veciñal na iniciativa á que "se lle proporciona 500 litros de pintura, cun custo de 3.200 euros; sendo os colaboradores de Camiño Vello os que realizan o traballo". "De Coia ao mar" conta co financiamento da Concellería de Vías e Obras e coa colaboración da Concellería de Parques e Xardíns.

Pola súa banda, Pablo López explicou que a elección da cor azul da pintura para cubrir o gris do carril actual "quere ser unha metáfora do río; desexando que chegue ao mar", en referencia á futura ampliación da actividade cara ao areal de Samil, unha vez se remodele a avenida de Europa. "A idea é que a xente poida chegar a pé ou en bici dunha maneira segura, baixo árbores, ata a praia", explicou. O tempo previsto para o remate da primeira fase é dun ano.
Descargar todas as imaxes