Escoitar

O Concello instala novas farolas na praza de España

A Concellería dos Servicios Electromecánicos comezou as obras de mellora da iluminación na praza de España coa instalación do cableado e a colocación das columnas para finalmente poñer as luminarias. O custo total desta obra é de 60.101 euros.

xoves, 8 mai 2003
O concelleiro Henrique Vieitez explicou que se substituirán as vellas farolas por outras de deseño e con altas prestacións, que suporán unha importante mellora tanto no rendemento lumínico como na estética da praza. "As novas farolas teñen unha base de poliéster reforzado con fibra de vidro e están protexidas contra a humidade e o polvo cumprindo así os criterios da ordenanza municipal e do Plan director do alumeado público", afirmou Vieitez.

Como principal acceso por estrada a nosa cidade, a praza de España necesitaba un cambio de iluminación e de estética, xa que as vellas farolas cumpriron o seu ciclo de vida, aproximadamente 30 anos, as súas columnas están deterioradas e as luminarias non iluminaban a praza equitativamente.

Os operarios do departamento dos Servicios Electromecánicos comezaron hai aproximadamente 15 días coas obras na praza. Primeiro revisaron as canalizacións xa existentes para comprobar o seu estado e ademais fixeron algunhas canalizacións novas. Colocaron o centro de mando que está formado por unha unidade de medida (contador electrónico), unha unidade de protección e mando, unha unidade estabilizadora-reductora de tensión e unha unidade de comunicacións.

A unidade estabilizadora-reductora de tensión é un equipo que fixa a tensión, prologando así a vida das luminarias. Tamén reducen a tensión de traballo o que fai que disminúa a intensidade e a potencia, reducindo así o consumo. O horario de reducción é a partires das 24:00 horas ata o amencer, xa que estas horas son de escasa incidencia para os cidadáns.

A unidade de comunicacións leva un autómata que está conectado a un ordenador no departamento de Electromecánicos do Concello. Dende este ordenador regúlase o encendido e apagado do alumeado público, ademais de controlar, a través dunha alarma, os valores mínimos e máximos da tensión e a intensidade e potencia da instalación.