Escoitar

Normalización Lingüística dispón dun amplo programa de actividades para esta primavera

A concelleira de Normalización Lingüística, Carme Martínez Corbalán, presentou as actividades para todas as idades previstas para os meses de maio e xuño destinadas a fomentar o uso do galego. Obradoiros, xogos, mesas redondas e exposicións son algúns dos actos programados.

mércores, 7 mai 2003
O xoves 8 de maio celebrarase unha mesa redonda ás 20:00 no Museo de Arte Contemporánea co tema "Falar galego: no veo por qué". Intervirán Antonio Vahamonte, coordenador do Estudio sociolingüístico de Vigo e profesor da Universidade de Vigo de Estatística e Investigación Operativa; Xosé Luís González Sende, profesor de galego e monitor nos obradoiros de sociolingüística "Máis alá" e Ana Iglesias Álvarez, autora do libro "Falar galego: no veo por qué" e membro do gabinete lingüístico da Audiencia de Pontevedra. A moderadora será a concelleira de Normalización Lingüística, Carme Martínez Corbalán. Neste acto preentarase o Estudio sociolingüístico.

Prosegue unha nova etapa do programa "¿Xogas?, en galego podemos" con actividades para os máis cativos durante as fines de semana de maio e xuño na praza do Rei, Centro Cívico de Teis, praza da Constitución, ludotecas, praza da Independencia, parque da Riouxa, Bouzas...

A Escola municipal de música actuará o sábado 10 de maio ás 18:30 na praza da Constitución. Interpretará "A frauta máxica" e "Carnaval dos animais".

O Correlingua pasará por Vigo o 14 de maio a partir das 11:00. O auditorio Caixanova acollerá o mércores 14 de maio ás 20:30 un acto de "Contos caucanos", en homenaxe a Avilés de Taramancos.

O xoves 15 de maio celebrarase a seguinte mesa redonda co tema "Por un plan de normalización lingüística", na que intervirán Xaime Subiela, membro de Cidadanía; Xesús Ferro, investigador do Instituto Ramón Piñeiro e membro da comisión encargada de redactar o Plan xeral de normalización lingüística; Manuel Portas, concelleiro de Normalización lingüística de Santiago de Compostela e Carme Martínez Corbalán. A cita será ás 20:00 no Museo de Arte Contemporánea.

Ese mesmo día ás 18:30, a carón do Museo de Arte Contemporánea, organízase un obradoiro de pintura para conmemorar os 25 anos de traducción ao galego por Carlos Casares do "Principiño", de Antoine de Saint-Exupéry.

O Día internacional dos museos, o domingo 18 de maio, celebrarase outro obradoiro de pintura a carón do Museo de Arte Contemporánea ás 12:00 horas.

Na praza da Constitución celebrarase o Certame escolar de regueifas o martes 20 de maio ás 12:00 horas.

O Pleno xuvenil sobre o idioma galego será o 22 de maio ás 11:00 no auditorio municipal. Participará alumnado de todos os institutos de ensino secundario de Vigo.

Roberto Cordovani e Einsenhower Moreno actuarán o 3 de xuño con "A volta do parafuso", de Henry James, o 5 de xuño con "Aurora Rodríguez e a boneca de carne", de Marga do Val, e o 6 de xuño "Belle Otero. O corpo que fala", de Marga do Val. As representacións serán ás 20:30 no auditorio municipal.

Esta programación completarase con exposicións sobre "Auga salgada", froito dun obradoiro celebrado en Coruxo, e Avilés de Taramancos na lonxa do Concello.

Ademais, publicouse en colaboración coa Universidade de Vigo un novo libro con vocabulario específico deportivo, nesta ocasión dedicado a hóckey e balonmán.

Máis información