Escoitar

Aprobada a urbanización das rúas Gandarón e Severino Cobas

O Consello da Xerencia de Urbanismo aprobou os proxectos de urbanización das rúas Gandarón e Severino Cobas. Simultaneamente solicitouse á Xunta a declaración de urxente ocupación dos terreos que é preciso expropiar para executar a mellora destes dous viais.

xoves, 8 mai 2003
O Concello entregaralle os terreos á Consellería de Política Territorial para que sexa ese organismo o que licite as obras, segundo o acordado por ámbalas administracións no convenio suscrito para a mellora de viais no municipio vigués.

A urbanización destas rúas mellorará notablemente as comunicacións da parroquia de Lavadores e tamén a calidade de vida dos residentes na zona. Ademais dotarase de mellores servicios a un bo número de empresas establecidas nesa área da cidade. Na actualidade os dous viais, que carecen de beirarrúas, son utilizados por numerosos vehículos pesados.

A rúa Bagunda urbanizarase ao longo de 769 metros, entre a Avenida de Madrid e a rúa Alcalde Lavadores. Contará cunha calzada de 11,20 metros de ancho e con beirarrúas de 2,40 metros. O presuposto da obra é 1.388.775 euros. A urbanización de Severino Cobas comprende un kilómetro de lonxitude. Será un vial de 16 metros de ancho con beirarrúas. O custo neste caso é de 2.032.145 euros.

O concelleiro de Urbanismo, Xavier Toba, explicou que co remate destes proxectos o goberno municipal cumpre co compromiso adquirido no convenio asinado coa CPTOP. Daquela o Concello comprometérase a redactar proxectos e poñer a disposición da Xunta os terreos necesarios para que a Consellería executará diversas obras en Vigo. Xa se realizaron traballos de mellora da seguridade vial en Zamáns, estanse executando os traballos de urbanización da estrada vella de Madrid e o Concello puxo a disposición da Xunta os terreos para a prolongación da rúa Pedro Alvarado.