Escoitar

"Deportistas pola Igualdade" encheu o hall do Auditorio Mar de Vigo

O acto central do Concello de Vigo para celebrar o 8 de marzo, o Día Internacional da Muller, contou na tarde do martes coa participación de numerosas deportistas, que fixeron exhibicións de taekwondo, baile deportivo, esgrima, ximnasia acrobática e artística, como representación das máis de corenta modalidades que se poden practicar nas escolas deportivas municipais.

mércores, 9 mar 2016
1457542593deporteigualdade.JPG
O acto central do deporte da cidade para apoiar o Día Internacional da muller encheu o hall do Auditorio Mar de Vigo. Doce deportistas de clubs da cidade leron o manifesto "Deportistas pola igualdade" diante de máis dun milleiro de persoas, fundamentalmente nenas do programa municipal de escolas deportivas pero tamén de numerosos clubs da cidade.

No decurso do acto o alcalde da cidade, Abel Caballero, acompañado pola presidenta da‪ Deputación de ‪Pontevedra, Carmela Silva, e polos concelleiros de Igualdade (Uxía Blanco) e Deportes (Manel Fernández), anunciou que os clubs con modalidades femininas terán máis cartos para investir no deporte de formación e non dubidou en manifestar o seu desexo de "colocar o deporte feminino de Vigo no mellor sitio do mundo".

Nesta oportunidade o deporte ocupou o protagonismo liderando a igualdade de dereitos. Susana Rodríguez Gacio (triatlón), Vicky Alonso (baloncesto adaptado), Alejandra Suárez (vela) ou Judith Rodríguez (esgrima) encabezaron unha lista na que figuraban doce entidades locais, representando a outras tantas modalidades deportivas.

O acto contou coa exhibición de cinco disciplinas (taekwondo, baile deportivo, esgrima, ximnasia acrobática e ximnasia rítmica) como representación das máis de corenta modalidades que se poden practicar nas escolas deportivas.

A lista de deportistas que leron o texto a prol da muller: Vicky Alonso (Amfiv), Laura Alonso (Celta Bosco), Laura Rolán (Carpa), Paula Faraldo (C.C. Vigués), Judith Rodríguez (El Olivo), Vicky Vázquez (FPR El Olivo), Sandra Pintor (Flic Flac), Zaida Villaraviz (Maniotas), Susana Rodríguez Gacio (Mar de Vigo), Alejandra Suárez (Real Club Náutico de Vigo), Sara Viéitez (Loita San Ignacio) e Alicia González (Xuvenil de Teis).

Descargar todas as imaxes