Escoitar

O Concello presta todo o seu apoio ao Galiexpo Motorshow que arrinca este venres

Manel Fernández, concelleiro de Deportes, presentou Galiexpo Motorshow, a décima edición do certame do motor, un evento ao que o Concello xa lle transmitiu que o seguirá apoiando en 2017.

martes, 8 mar 2016
1457442343galiexpo.jpg
Dende este venres e ata o domingo, o salón copará tres días o Ifevi (entradas a 5 euros, como o ano pasado) cunha oferta "moi traballada", segundo explicou Joaquín Portabales, o seu organizador.

O edil de Deportes felicitou á organización polo seu "traballo, ilusión e paixón" que permitiu a continuidade do evento, "capaz de polarizar sentimentos e interese de moitos afeccionados que gozan con esta exposición".

Con 55 empresas que ofrecerán o mellor dos seus catálogos, vinte e cinco máis que en 2015, a inauguración está prevista para o mediodía do venres, co prurito de terse convertido no único salón deste estilo en todo o país ao caerse os de Madrid e Zaragoza.

A proposta da organización contempla clásicos, coches de competición, tuning, 4x4 para aventuras, caravaning, karts, quads e motos, cubrindo así todos os puntos de referencia. Ademais, os pavillóns do recinto feiral tamén darán espazo á náutica deportiva, presentando tamén o Mundial de motonáutica, categorías HR-850 e T-850, que se celebrará na ría de Navia (Asturias).

O salón é "interactivo", lembrou Portabales, que apuntou que haberá exhibicións do Power Drift Team e do campión galego de quad cross, Dani Pérez, ademais doutras actividades de ocio. A modo de excelente oferta complementaria, o evento suma o Open Nacional de slot, con máis dun cento de participantes.

Portabales agradeceu o apoio do Concello, fundamental ("sen esta axuda non poderiamos organizalo", dixo) e subliñou que se espera tamén presencia de afeccionados de Portugal.

Manel Fernández e Joaquín Portabales estiveron acompañados na conferencia de prensa por Ricardo Goñi, tamén do equipo organizador, e por Arsenio Prieto, xerente do Ifevi, que anunciou que 2016 será un ano feiral "positivo" e "mellor que os tres anos anteriores".
Descargar todas as imaxes