Escoitar

Caballero felicitou ás creadoras de "Cinema e Muller", que inclúe charlas e un filme con temática de xénero

O alcalde, Abel Caballero, e a presidenta provincial, Carmela Silva, presentaron este luns "Cinema e Muller", unha proposta multidisciplinar que procura dar visibilidade á creación artística e cinematográfica das mulleres a través de proxeccións, charlas e dunha película colaborativa conformada por dez microcurtas dirixidas por cineastas.

luns, 7 mar 2016
1457356346cinemamuller.jpg
O alcalde de Vigo, Abel Caballero, participou este luns na presentación na Casa Galega da Cultura de "Cinema e Muller", unha iniciativa da Deputación de Pontevedra para visibilizar o cine feito por mulleres polo 8 de marzo, o Día Internacional da Muller, a través de proxeccións, charlas e da creación dun filme a partir de dez curtas dirixidas por cineastas da provincia.

Caballero referiuse á elección da viguesa Casa Galega da Cultura para a presenación, sede onde "se xunta a tradición da democracia e a muller que ocupa o seu espazo". O alcalde salientou que "é moito máis cunha mostra, é unha experiencia vital que ten que marcar o seu propio destino" e valorou "a maravillosa visión do proxecto e a visión de Carmela Silva, lanzándoo e poñéndoo en vida".

O alcalde engadiu que "Vigo vai vivir a experiencia" ofrecida por "Cinema e Muller", felicitou ás creadoras por este "proxecto maravilloso" e manifestou sentirse "enormemente orgulloso de estar sentado nesta mesa", xunto ás cineastas e a presidenta provincial, impulsoras do programa.

Pola súa banda, a presidenta da Deputación e primeira tenente de alcalde do Concello de Vigo, Carmela Silva, asegurou que "queremos que todos os días sexan o 8 de marzo" e esta "idea extraordinaria" de promover o cine "feito por mulleres" resultou nun "produto de altísima calidade". "Desde a Deputación e desde o Concello", afirmou, "tivemos sempre moi claro que o gran obxectivo é visibilizar todas as actividades onde as mulleres estamos presentes, pero se hai unha con enorme potencia é todo o que ten que ver coa cultura, coa cinematografía".

Silva amosou un "enorme orgullo" por formar parte de "Cinema e Muller", eloxiou a "sensibilidade e o gran nivel" das creacións e comprometeuse a levalas ao resto de Galicia e de España. A presidenta animou á cidadanía a presenciar as mostras de cine, as charlas e a estrea do filme colaborativo, tras o que agradeceu a todas as cineastas o seu traballo: "este proxecto non ten límites porque nós non temos límites", concluíu Silva.

Cinema e Muller
A proposta programa un filme colaborativo duns 45 minutos composto pola suma de dez microcurtas de temática de xénero dirixidas por outras tantas cineastas da provincia e inclúe un ciclo de charlas e proxeccións sobre mulleres, cine e feminismo. A estrea do filme será o mércores, 16 de marzo, ás 20:30 horas no Auditorio Municipal do Concello, presentándose ao día seguinte no auditorio do Museo de Pontevedra.

Editarase tamén un DVD cun folleto explicativo que se divulgará por mostras e festivais, ademais de ser remitido a institucións, colectivos, centros educativos, bibliotecas públicas e asociacións que o soliciten.

Ademais, están previstas sendas mostras de cine en Pontevedra (11 e 12 de marzo) e en Vigo (14 e 15 de marzo, no Auditorio do Concello). Este proxecto complétase cun ciclo de charlas, o 17 e o 18 de marzo, de 10:30 a 14 horas, no Museo de Arte Contemporánea de Vigo. Cada sesión contará con tres charlas de especialistas e debate, para concluir coa proxección da película colaborativa. Trátase de facer unha aproximación teórica ao tempo que se proxectan traballos de cineastas da provincia. O ciclo de charlas pecharase cunha festa de mulleres creadoras, con proxeccións e sesións de música e audiovisuais, o venres 18 de marzo ás 21 horas, no entorno da Colexiata de Vigo.
1457356346cinemamuller.jpg
1457356358cinemamuller.jpg
Descargar todas as imaxes