Escoitar

O goberno local adicará ao deporte de base preto de 1,4 millóns, 200.000 euros máis que en 2015

O goberno local adicará este ano ao deporte dous millóns de euros, dos que 1,4 serán para deporte de base, o que supón un incremento de 200.000 euros respecto ao ano pasado. Os clubes de élite recibirán 600.000 euros en subvencións ao longo deste exercicio.

venres, 4 mar 2016
O deporte de base de Vigo recibirá este ano 200.000 euros máis que o pasado, o que supón preto de 1,4 millóns. O resto, 600.000 euros, se repartirán entre os distintos clubes de élite da cidade. De feito, a Xunta Local de Goberno deu luz verde esta mañá as achegas para o CD Bosco (84.500 euros); Club Xuvenil Teis (30.000 euros); e SD Octavio (114.000 euros). Aprobación de subvencións para clubes de élite. Tal e como avanzou o rexedor, o Concello xa está a tramitar as subvencións para o Coruxo, o Seis do Nadal de balonmamo, Castrelos de fútbol, Vigo Rugby, Club de Atletismo Feminino Celta e o Real Club Celta de Atletismo.

En rolda de prensa, o rexedor tamén deu conta da aprobación do expediente de contratación para a prestación do servizo de vixiancia, socorrismo, salvamento e asistencia sanitaria de primeiros auxilios nas praias do Concello. Abriuse o procedemento de licitación aberta para un contrato de dous anos (2016 e 2017), con posiblidade de prórroga de dous anos máis e un gasto de 426.000 euros ao ano. Os arenais nos que se presta este servizo son A Punta (Teis); O Tombo do Gato; Argazada (Alcabre); Samil; O Vao; Fontaíña (Coruxo); Canido (San Miguel de Oia); Fortiñón (Saiáns) e Rodas e Figueiras (Illas Cíes).

O goberno local tamén validou o proxecto de convenio co Centro Recreativo, Artístico e Cultural de Coruxo e coa Asociación Veciñal e Cultural de Lavadores para o desenvolvemento dun programa de dinamización infantil e xuvenil durante o ano 2016. O Centro de Coruxo recibirá 20.000 euros e organiza as súas actividades no CEIP Tintureira, mentres que a Asociación de Lavadores contrará con 25.000 euros para as actividades que desenvolverá nas súas instalacións. Tal e como explicou o rexedor, ofrecerán actividades formativas para os nenos, ao tempo que facilitan a conciliación da vida laboral e familiar.