Escoitar

Presentación do libro "Mary Quintero.Retratista desde os 15 anos"

O Centro de Documentación Feminista de Vigo acolle o xoves,10 de marzo, ás 19.00 horas, a presentación do libro "Mary Quintero.Retratista desde os 15 anos"(Xerais, 2015).No acto participarán Fernanda Padín, autora dos textos e Mary Quintero.<br />

mércores, 9 mar 2016
1457526927quintero.jpg
Este libro recolle os máis de sesenta anos de profesión de Mary Quintero,retratista dende os 15 anos.
Ordenado en catro apartados, os tres primeiros recollen datos privados e técnicos, referencias a artigos xornalísticos e anécdotas contadas pola propia fotógrafa. No último pódese visualizar parte da obra fotográfica,estruturada en varios capítulos: fotografía coloreada, retoque analóxico,proxector de fondos, época romántica, cambio de estilo, ambientación,cerimonias, retrato, etc. Ao finalizar, móstrase unha pequena selección da súa pintura, coñecemento indispensable do seu percorrido profesional,onde segue usando a imaxe fotográfica como base.

Mary Quintero (Melide, A Coruña 1931) iniciouse no campo da fotografía cos seus pais, fotógrafos de profesión, que a enviaron a Madrid para rematar a súa formación con Pedro Jaraba e Carlos Pascual de Lara.Con quince anos realizou a súa primeira exposición, e antes de cumprir os vinte era xa unha fotógrafa recoñecida en toda Galicia polos excelentes resultados que obtiña no coloreado das súas fotografías desde o seu estudio vigués.Durante máis de sesenta anos de profesión traballou a fotografía analóxica –en branco e negro e en cor– e a dixital; colaborou como relatora en numerosos congresos e seminarios celebrados ao longo de todo o Estado Español, Europa, Rusia e mesmo América do Sur, foi agasallada polos seus compañeiros de profesión en numerosas ocasións e recibiu múltiples galardóns, entre os que destacan o Premio ao Mellor Fotógrafo de España, a Granada de Ouro, a Medalla de Meritxell, «La novia del año Kodak» 1986, o Óscar do ano en 1990 e 2005, o título de Viguesa Distinguida en 1994, a Medalla de Ouro e Brillantes de Sevilla e a Medalla de Galicia.

Fernanda Padín Ogando (Vigo, 1953). Traballou durante dez anos na banca. Exerceu como profesora de Formación Profesional durante os últimos 27 anos, nos que colaborou como relatora e coordinadora en diferentes cursos. Autora de dúas publicacións en formato electrónico audiovisual: "Aplicación das novas tecnoloxías no módulo de APV" publicada en Eumed.net e "Etiquetaxe no punto de venda" publicado pola Consellería de Educación da Xunta de Galicia e recoñecido pola mesma Consellería co premio á Innovación Educativa no ano 2006. Na actualidade dedicada á investigación para o rescate das fotógrafas pioneiras galegas. En 2015 preparou os textos do libro "Mary Quintero. Retratista dende os 15 anos" editado por Xerais.

Centro de Documentación e Recursos Feministas
Biblioteca Pública Central / Joaquin Yáñez 6, 2º andar - Vigo 36202
Descargar todas as imaxes