Escoitar

O alcalde subliña que o cartel da Reconquista "harmoniza a tradición e a modernidade de Vigo"

Xunto ao presidente da Asociación Veciñal Cultural Casco Vello, José Manuel Veiga, Abel Caballero presentou este mércores a imaxe e os actos da Festa da Reconquista 2016, que terá lugar os días 2 e 3 de abril. A organización programa o tradicional mercado, espazos infantís, música nas rúas, demostracións de artesanía e a representación da Reconquista da Vila de Vigo.

mércores, 9 mar 2016
1457534371RECONQUISTA.jpg
O alcalde de Vigo, Abel Caballero, animou este mércores a cidadanía a participar un ano máis na Festa da Reconquista da Vila de Vigo e eloxiou o cartel "excepcional" que ilustra a celebración de 2016, que "recupera símbolos da cidade" e "harmoniza a tradición e a modernidade de Vigo".

Coa participación da concelleira de Festas, Laura Iglesias, o rexedor vigués valorou durante a presentación esta "festa excepcional", coñecida en Vigo e Galicia e "que ocupa un lugar en España", un evento no que "tratamos de recuperar as tradicións". Caballero trasladou o seu agradecemento á asociación veciñal.

Os actos centrais da festa terán lugar na fin de semana do 2 e 3 de abril, segundo avanzaron tanto Caballero coma o presidente da colectivo veciñal, José Manuel Veiga. Para o sábado e o domingo, a organización programa o habitual mercado, unha foliada infantil na Praza da Pedra, espazo infantil no Berbés, demostracións de artesanía con vinte oficios tradicionais, música e baile polas rúas da zona vella e, por suposto, a representación da saída das tropas e as escaramuzas coa veciñanza, e a representación da Reconquista da Vila de Vigo.

Durante as xornadas do sábado e do domingo haberá actividades musicais na sede da Asociación Veciñal e Cultural Casco Vello e no "Espacio Mahou", en Eduardo Chao, xunto a 15 grupos de música tradicional actuando polas rúas e prazas do casco histórico vigués.

Previamente, o xoves 17 de marzo está prevista a inauguración da mostra "Retallos da nosa Historia", para o mércores 30 deste mes farase o ensaio xeral e ao día seguinte, o xoves 31, a "Reconquistiña", con máis de 300 nenos e nenas participando nunha ruada polo Casco Vello.
Descargar todas as imaxes