Escoitar

O goberno de Vigo subvenciona 136 melloras no Casco Vello, Bouzas, Santa Clara e Coia con 786.000 euros

Abel Caballero informou da sinatura dos convenios de colaboración co Ministerio de Fomento no marco do Plan Estatal 2013-2016 de Rexeneración e Renovación Urbana, que para Vigo supón un total de 136 accións de rehabilitación. O goberno de Vigo subvencionará as melloras con 786.000 euros.

mércores, 28 out 2015
O alcalde explicou que as 136 actuacións a realizarse na cidade están incluidas nas Áreas de Rehabilitación Integral (ARI) do Casco Vello, Bouzas, Santa Clara e o polígono de Coia. O Concello, segundo recordou Caballero, solicitara ao Ministerio proxectos para Vigo cunha subvención estatal de dous millóns de euros, pero Fomento acordou conceder "a metade", algo máis dun millón de euros.

Caballero tamén explicou que o Goberno de España limitou a subvención estatal no Plan Estatal 2013-2016 ao 35% do total do investimento, cando na edición anterior (2009-2012) a achega de Fomento ascendía ao 50%. Deste xeito, o Estado subvenciona as 136 actuacións con 1.050.000 euros, mentres que o goberno de Vigo aportará 786.000 euros, "case tanto coma o Ministerio", indicou.

No Casco Vello están previstas 50 actuacións, cun investimento total de 1.310.000 euros, no que Fomento aporta o 33% do total, o Concello o 24% e o 43% restante, os particulares. Na zona histórica de Bouzas faranse 20 melloras por importe próximo aos 520.000 euros, do que o Ministerio subvenciona o 32% e o goberno local, o 26% do total.

Na Área de Rehabilitación Integral de Santa Clara son 18 as actuacións previstas cun investimento de 267.000 euros, subvencionado polo Estado nun 30% e polo Concello de Vigo nun 22%. No polígono de Coia, singularmente nas rúas Bueu e Moaña, son 48 as reformas previstas, por 1.124.000 euros, cunha achega do Estado do 33% e dun 25% por parte do goberno local.

Abel Caballero lamentou que a firma dos convenios do Plan Estatal 2013-2016 se rubricase agora, rematando o ano 2015, pois recordou que as actuacións con subvención pública incluidas no mesmo teñen que estar concluidas antes de finalizar o ano 2016.