Escoitar

A corporación municipal solicita á Xunta que paralice a privatización dos celadores do novo hospital

O Pleno do Concello aprobou este luns a moción presentada polo grupo Marea de Vigo, co apoio do PSdeG-PSOE de Vigo na que se demanda ao goberno galego que deteña a privatización dos servizos que presta o persoal de celadores no hospital Álvaro Cunqueiro.

luns, 26 out 2015
O grupo municipal Marea de Vigo presentou na sesión plenaria deste luns unha moción na que se insta á Xunta de Galicia a "parar a privatización do colectivo de celadores e celadoras que se está impoñendo na sanidade galega e de xeito moi evidente no hospital Álvaro Cunqueiro" e que saíu adiante co respaldo do grupo socialista.

No texto, Marea de Vigo sostén que o labor que realizan estes traballadores é clave para o funcionamento das Institucións Sanitarias e na Área Sanitaria de Vigo están detectándose incidencias que implican un "risco" logo da asunción por parte dunha empresa privada do traslado interno e a xestión auxiliar de todo tipo de produtos farmacéuticos, historias clínicas e documentación sanitaria así como do transporte de instrumental médico e cirúrxico dende a central de esterilización. A moción apunta que a realización destas funcións por parte da citada empresa vai supoñer para os celadores e celadoras a "desaparición de moitos postos de traballo a favor dunha empresa privada que se lucra a conta de crear emprego precario sen que lles importe que estes traballadores, que carecen de formación no ámbito sanitario, desenvolvan unhas tarefas que son cruciais para o funcionamento das Institucións Sanitarias e, polo tanto, para a saúde dos pacientes".