Escoitar

O concelleiro de Cultura destaca a tradición e éxito do programa Outono Lírico de Amigos da Ópera

Cayetano Rodríguez presentou este venres xunto con Daniel Diz, director artístico de Amigos da Ópera de Vigo, a programación do Outono Lírico que trae á cidade nos próximos meses 4 espectáculos que poderán gozarse no Teatro Sala de Concertos de Afundación e nos que haberá representación viguesa coa participación do Coro Gaos, o Coro da Universidade e a Orquestra Sinfónica 430. O programa ábrese este sábado día 24 coa ópera Curlew River de Benjamin Britten.

venres, 23 out 2015
1445604078opera2.jpg
O Concelleiro de Cultura, Cayetano Rodríguez, presentou este venres o programa 2015 do Outono Lírico que organiza a asociación Amigos da Ópera de Vigo, a quen agradeceu o seu labor de difusión do xénero e de creación dunha cultura da ópera en Vigo. O edil valorou "a tradición, éxito e futuro do programa" e asegurou que manifestou que a entidade contará sempre co apoio do goberno local.

Daniel Diz, o director artístico de Amigos da Ópera agradeceu especialmente o apoio do Concello de Vigo e da Deputación de Pontevedra así como o doutras entidades e patrocinadores do evento e explicou que esta temporada será "ambiciosa" coa posta en escena de 4 títulos, tres deles de grande repertorio como son L'Elisir D'Amore, obra clave do canto romántico que chega á cidade o 8 de novembro; o programa dobre Cavallería Rusticana & Pagliacci que se representa o 20 de decembro e a estrea en Galicia de Curlew River, obra de Benjamin Britten nunha proposta rompedora con escenografía e vestiario de Ouka Leele, que se representa este sábado día 24 ás 20:30 horas no Teatro Sala de Concertos de Afundación. Ademais, o Outono Lírico conta coa Orquestra Sinfónica 430 de Vigo e co coro Gaos ou o Coro Universitario de Vigo, apostando por profesionais da cidade, e dá a oportunidade a novas voces de compartir escenario con grandes nomes da ópera como Luis Cansino, Borja Quiza, Javier Palacios, Miguel Borrallo ou María José Moreno.

Ademais do programa operístico, o Outono Lírico ofrece actividades complementarias como mesas redondas e proxección de óperas que se están representando en distintos países do mundo para difundir este xénero en Vigo.
Descargar todas as imaxes