Escoitar

Manel Fernández anima a ver o Memorial Belarmino Alonso, a proba atlética previa ao centenario do Comesaña

O concelleiro de Deportes, Manel Fernández, presentou hoxe no Concello o 36º Memorial Belarmino Alonso de campo a través, a proba de referencia do panorama galego que se disputará este domingo dende as 10:15 horas en San Andrés de Comesaña, acarón do campo da Xunqueira, cun circuíto de 1,9 quilómetros.

venres, 28 nov 2014
1417192651belarmino.JPG
O edil, que valorou o "gran traballo organizativo" do Comesaña Sporting Club, espera que as carreiras sexan "un éxito", pediu que os afeccionados vaia a velas e felicitou ao club polo seu próximo centenario. O Concello apoia este evento ao máximo, con dotación económica e soporte loxístico para esta gran xornada atlética, que contempla dez carreiras, cinco por sexo.

O Memorial reunirá a 541 atletas de todas as idades (de alevín a sénior) con 131 corredores na principal categoría masculina (promesa-sénior) e 27 na promesa-sénior feminina. A nómina de favoritos é ampla, encabezada polo marroquí Hassan Lekhili e Solange Andreia Pereira, e completada coa sempre potente presenza de atletas portugueses (Rosa Oliveira, Carlos Costa, Jorge Santa Cruz e Ángelo Ribeiro) xunto a valores do club organizador e de Galicia en xeral.

Entre todos os inscritos figura o montañero Sechu López, atleta tamén do Comesaña, que este ano está a porse en magnífica forma para o seu novo proxecto de ascensión, na vindeira primaveira. Leva cinco carreiras en 2014 (catro de montaña) e é esta a primeira vez que compite no Belarmino. "Vou reservarme", di en ton humorístico, á vez que pide asistencia de público "porque eu estuiven outros añnos seguíndoa como afeccionado e podo dicir que é moi vistosa?.

Belarmino Alonso, presidente da entidade, anunciou que se mantén o mesmo circuíto atractivo de 2013 e que o club segue co seu esforzo de manter os premios en metálico (1.800 euros en xogo). Ademais, asegurou que "estará toda Galicia representada" e avanzou a maiores que a seguinte edición, o 37º Belarmino, será o colofón ao ano do centenario, "que estamos preparando con varias ideas e ilusión". Porque no 2015, o Comesaña será club cun século de vida.

O Memorial Belarmino Alonso moverá un gran despregue humano: haberá unha quincena de xuíces da Federación Galega de Atletismo, segundo advertiu o delegado local, Miguel Martínez Larrea, e medio cento de voluntarios do Comesaña. "É unha das probas das que nos sentimos máis orgullosos", explicou Martínez Larrea.
Descargar todas as imaxes