Escoitar

O Concello programa máis dun centenar de actividades lúdicas e culturais para o Nadal

Abel Caballero informou que mañá venres, ás 19h na Porta do Sol, se celebrará o acto formal de acendido da iluminación de Nadal, coa actuación de Wöyza e o seu coro V-GO Negro Son. Xunto á decoración e iluminación, o goberno local organiza 60 actividades musicais e de animación pola cidade e 41 actuacións no Auditorio Mar de Vigo, ademais das propostas de ocio como a pista de xeo, Vigolandia, o circo de Nadal e o tiovivo da Porta do Sol.

xoves, 27 nov 2014
1417095272alcalde4.jpg
O alcalde de Vigo asegurou que o deste ano é "o maior despregamento de actividade feito nunca" na época de Nadal na cidade, co obxectivo de animar aos vigueses e apoiar ao pequeno e mediano comercio.

A Porta do Sol -onde o goberno local instala unha árbore luminosa de máis de 26 metros de altura, visitable por dentro- acollerá mañá venres o acto oficial do acendido da iluminación navideña, que "prácticamente duplicamos", subliñou Caballero, con respecto ao pasado ano, chegando a unha "parte importantísima" da cidade, tanto no centro como nos barrios e nas parroquias.

Caballero destacou a decoración axardinada que estará presente na Praza da Pedra, Praza da Igrexa, Praza Constitución, Porta do Sol, Principe, Eduardo Iglesias, Velazquez Moreno, Praza Urzáiz, Gran Vía e un abeto no entorno do Mar de Vigo. Haberá tamén un palco ornamental e un bosque de abetos na Porta do Sol e o tradicional buzón real na Praza Constitución (do 28 de novembro ao 5 de xaneiro), xunto á organización da Cabalgata de Reis.

O carteiro real fará visitas a barrios, asociacións veciñais e bibliotecas entre o 19 de decembro e o 3 de xaneiro. Por outra banda, o Concello levará as panxoliñas ao centros e servicios de persoas maiores como a residencia Santa Marta de Alcabre, Hermanos Misioneros, a residencia de maiores do Meixoeiro e o centro de maiores de Barreiro.

Como o ano pasado, o Concello instalará nas inmediacións do farol de Urzáiz unha caseta solidaria onde o Banco de Alimentos recollerá comida e a ONG Vida Digna reunirá xoguetes para as familias con menos recursos. Caballero agarda que a cidade responda como na edición anterior, cando se sumaron 7.000 xoguetes e 5.000 quilos de alimentos.

Ocio, cultura e entretemento
Abel Caballero informou da programación festiva para o Nadal, destacando as 60 actuacións musicais e de animación que se celebrarán, da man dos comerciantes, nas Travesas, no Calvario, no centro, en Torrecedeira, en Pi y Margall, en Bouzas, Teis e na zona do Náutico. Ademáis, no Auditorio municipal do Concello, o goberno municipal organiza teatro familiar e monicreques os días 7, 14 e 21 de decembro, xunto a cinco concertos de Nadal entre o 19 e o 28 de decembro.

No relativo ao ocio, o rexedor vigués enumerou o circo de Nadal en Coia (do 19 de decembro ao 11 de xaneiro), o tiovivo na Porta do Sol (28 de novembro ao 5 de xaneiro), a pista de patinaxe sobre xeo (do 28 de novembro ao 11 de xaneiro), a Papanoelada (20 de decembro, con saída en Castrelos ás 16h), o Fotógrafo Minuteiro no Casco Vello, o desfile e o certame de Rondallas (28 de decembro no Pavillón das Travesas), a carpa de actividades didácticas en Teixugueiras e na Praza Cristo da Victoria, en Coia (del 20 de decembro ao 4 de xaneiro), Vigolandia no IFEVI (do 26 ao 30 de decembro) e as chocolatadas e filloadas do 19 ao 24 de decembro en Traviesas, Teis, Príncipe, Praza Portugal, Coia e Praza Independencia.

Por último, o Auditorio Mar de Vigo superará as 40 propostas entre o 5 de decembro e o 10 de xaneiro.

05/12. Concerto de Bustamante

Do 6 ao 8, 14, do 20 ao 23, 26, 28, 29 e 30 de decembro, do 2 ao 7 de xaneiro. Parque infantil de Nadal

06/12. Dani e Flo (Humoristas)

07/12. A Varita Máxica (Espectáculo infantil)

08/12. Juan D e Beatriz cos Lunnis (Espectáculo infantil)

12/12. O Lago dos Cisnes (Ballet)

13/12. Concerto de Bob Geldof

14/12. Encontro de bandas infantís (Espectáculo infantil)

20/12. Concerto da Coral Casablanca

21/12. A Bela Dormente (Musical infantil)

22/12. María Fumaça_Xiqui xoque fiu fiu (Espectáculo infantil)

23/12. Holly Night (Película Infantil)

26/12. Pedro Volta_O ilusionante (Espectáculo infantil)

26-27/12. Conciertos de Nadal de ACOPOVI (Corales Polifónicas)

28/12. A nena e o grilo nun barquiño (Espectáculo infantil)

29/12. Pedro e o lobo (Espectáculo infantil)

30/12. Concerto de Ano Novo (Música clásica)

02-03-04/01. Panorama Kids (Espectáculo infantil)

09/01. O Cascanoces (Ballet)

10/01. Celtic Leyends (Música celta)

Descargar todas as imaxes