Escoitar

O goberno local detecta 40 viais onde é preciso cambiar os gardarraís para a seguridade dos motoristas

O Concello instalará elementos de protección ao longo de máis de 4 quilómetros en estradas de ámbito municipal, incluíndo 1.400 metros lineais de novas barreiras. Hoxe mércores, o alcalde trasladou o informe municipal a asociacións de motoristas e solicitará á Deputación, Xunta e Estado que doten de seguridade estradas da súa competencia na cidade.

mércores, 26 nov 2014
1417007310motos.JPG
O alcalde de Vigo, Abel Caballero, mantivo unha reunión este mércores con representantes de asociacións de motoristas para avaliar o proxecto de instalar medidas de seguridade para motoristas en todos os gardarraís de competencia municipal.

O goberno local detecta 40 viais nos que é preciso actuar, tal e como apuntou o rexedor. No tocante ás estradas de titualidade municipal, Caballero adiantou que se traballará en máis de 4 quilómetros de estradas, incluíndo o cambio de 1.400 metros lineais de barreiras.

"Detectamos un número significativo de gardarraís perigosos en viais competencia da Deputación, Xunta e Estado", indicou o alcalde, quen trasladou esta mañá o informe municipal ás asociacións de motoristas para que eventualmente o completen e, con posterioridade, previsiblemente a próxima semana, remitir ás restantes administracións o listado de estradas da súa competencia que precisan de seguridade para motoristas.

Caballero indicou que o criterio municipal será iniciar os traballos de seguridade nos lugares con maior intensidade de tráfico, particularmente o túnel de Praza de España, que se fará ao tempo da reforma interior proxectada.

O alcalde enmarcou esta acción municipal de seguridade para os condutores nas medidas adoptadas recentemente para facilitar o uso das motos, como a posibilidade para circular polos carrís bus, a creación de máis de mil estacionamentos específicos, a incorporación de pintura antideslizante e a disposición de zonas adiantadas nos semáforos para motoristas.

A proxima semana, o rexedor celebrará unha segunda reunión con outras asociacións de usuarios para afondar na vocación municipal de dar prioridade ás motos en seguridade, circulación e estacionamento.
Descargar todas as imaxes