Escoitar

O goberno local inicia a reforma dos campos de fútbol da ETEA, Samil e As Travesas

O Concello de Vigo adicará 857.000 euros a desenvolver obras nos campos de fútbol da ETEA, Samil e As Travesas. Nos dous últimos casos, acometeránse traballos de mellora, mentres que nas instalacións da antiga Escola de Transmisións vaise construir un novo campo de fútbol 11.

martes, 25 nov 2014
A Xunta de Goberno Local deu luz verde ao nomeamento da dirección facultativa e coordinación de Seguridade e Saúde para o desenvolvemento das obras nos campos de fútbol da ETEA, Samil e As Travesas, por un importe total de 857.000 euros. Tal e como detallou o rexedor en rolda de prensa, no campo de As Travesas, cun orzamento de 185.000 euros, acometerase a reposición e mellora do terreo de herba artificial e o sistema de rego. No caso de Samil, cun orzamento de 235.000 euros, tamén se reporá e mellorará o terreo de xogo de herba artificial, así como o sistema de rego. Por último, o Concello construirá un novo campo de fútbol 11 nas instalacións da ETEA por un importe de 437.000 euros.

Tal e como explicou o rexedor, o da ETEA é o segundo campo de fútbol que se constrúe nos últimos anos e, seguindo coa liña de fomento do deporte, anunciou a vontade municipal de contar cun campo de fútbol na parte de arriba da nova estación do AVE, unha petición que lle fará chegar á ministra de Fomento, Ana Pastor.