Escoitar

O BOP certifica que os vigueses pagarán un 1,4% menos nos impostos de vehículos, lixo e IBI

Abel Caballero deu conta da publicación no BOP da rebaixa de presión fiscal para Vigo no exercicio 2015. Tal e como publica o Boletín Provincial, rebaixaranse nun 1,4% os recibos de IBI, vehículos e lixo, ademais de conxelar todas as taxas e prezos públicos.

luns, 24 nov 2014
1416834425alcalde6.jpg
O Boletín Oficial da Provincia certificou o 30 de outubro que os cidadáns de Vigo pagarán en 2015 un 1,4% menos polos recibos de IBI, vehículos, e lixo, ademais de conxelarse todas as taxas e prezos públicos: auga, cemiterios, expedición de documentos, laboratorio, desifección, escolas infantís, axuda no fogar, ensinanzas especiais, IMD, Zoo, licenza de obras, ocupación de vía pública, IAE, imposto de plusvalía e imposto de construcións. Esta baixada de impostos aprobouse de xeito definitivo sen necesidade de ser ratificado no Pleno, dado que non houbo alegacións. Segundo explicou o rexedor, tamén se elevan nun 2,8% os mínimos exentos en recollida de lixo de vivenda, expedición de documentos, laboratorio, desifección, escolas infantís, ensinanzas especiais, Zoo e IMD.

Respecto do IBI, engadiu, fíxose unha nova regulación o que permitiu que, ademais de elevar o mínimo exento nun 2,8% para acoller a máis familias numerosas á bonificación do 90%, por primeira vez se estableza unha bonificación do 50% para familias numerosas que, execedendo o mínimo anterior, non superen os 7.868 euros. Tamén se mantén o fraccionamento do IBI, coa rebaixa do 3% si se fai en dous prazos (maio e novembro).

O alcalde lembrou que se ampliaron as exencións e bonificacións en todas as taxas e impostos.Respecto das escolas infantís, o 45% está exento de pago, e 3.100 persoas non teñen obriga de pagar o lixo, exemplificou. En terrazas, non se paga por ocupación de vía pública e no imposto de vehículos, o número de exentos era de 4.000 e agora é de 23.000.

Todo isto, dixo o rexedor, cunha carga fiscal por habitante "demostrable" de 484 euros, moi inferior aos 523 de Pontevedra, os 611 de A Coruña, os 622 de Lugo, ou os 653 de Santiago.
Descargar todas as imaxes