Escoitar

Vigo conta con 67 semáforos con bluetooth que se activa desde o móbil do invidente

O Concello ampliou a 67 os semáforos dotados cun sistema bluetooth que se activa desde o teléfono do invidente de xeito que o sinal acústico se activa ao paso do usuario. Deste xeito, o volume do sinal pode ser o óptimo para a seguridade do peón, ademais de evitarse as molestias que xeraban aos veciños da zona os ruídos dos semáforos acústicos convencionais.

mércores, 26 nov 2014
1417007250bluetooth.JPG
Abel Caballero achegouse esta mañá á Praza de América, na confluencia con Gran Vía, onde comezou a funcionar un dos 67 semáforos con sistema bluetooth que se activa desde o teléfono do invidente. Acompañado por responsables municipais de Tráfico e do vicepresidente do Consello Territorial da ONCE Galicia, Oscar Aníbal Proietti, Caballero explicou que esta tecnoloxía soluciona o problema de ruído que emitián estes semáforos e que ocasionaban moitas molestias aos veciños. Ata o de agora, o que se facía era reducir o volume dos semáforos para que molestara o menos posible aos cidadáns ao tempo que os invidentes podían seguir escoitando os sinais sonoros, pero esta medida non resultaba operativa.

Tal e como explicou Caballero, este novo sistema consiste nun módulo de semóforo verde de peón co altofalante integrado para emitir os sinais acústicos. Este módulo está dotado cun receptor bluetooth que, ante a presenza dun sinal procedente do teléfono móvil dun invidente, activa a emisión sonora do semáforo. Tamén se activa cun mando a distancia para os usuarios que así o prefiran. Esta funcionalidade non require da instalación de ningunha aplicación no teléfono móbil, polo que serve calquera terminal coa correspondente modificación da configuración bluetooth.

Os semáforos dotados con esta tecnoloxía xa están operativos na zona de Lepanto, Areal, Coruña e Travesía de Vigo e, tal e como avanzou o rexedor, seguirán implantándose por outras rúas da cidade para seguir complementando a atención á discapacidade, neste caso visual, coa comodidade dos cidadáns.
Descargar todas as imaxes