Escoitar

Voluntarios de Vigo traballarán esta fin de semana en Carnota

venres, 10 xan 2003
A melloría do tempo permitirá que o Concello de Vigo reinicie o envío de voluntarios ás illas Cíes para colaborar nas tarefas de limpeza do parque nacional. Como novidade, os voluntarios coordenados polo concello vigués vanse desprazar tamén ás praias do municipio coruñés de Carnota, atendendo así unha solicitude do goberno dese Concello.

Un cento de voluntarios partirán mañá ás 8:30 en barco ata Cíes dende o peirao da estación da ría, acompañados polos concelleiros Uxío González e Amador Fernández. Medio cento máis viaxarán en autobús ata Carnota cos edís Henrique Vieitez e Santiago Domínguez. O autocar sairá ás 7:30 da praza do Rei.

Por outra parte, operarios municipais estiveron durante a mañá de hoxe retirando pequenas bolas de fuel que a marea depositou na praia de Samil. Son anacos diminutos de chapapote, probablemente procendentes dos fondos de Cíes e empurrados polo mar de fondo, que teñen que ser recollidos manualmente. O Concello mantén un dispositivo de vixilancia nos areais para detectar a posible chegada de restos do vertido.

Os alcaldes de Vigo, Pontevedra e Ferrol agradecen a solidariedade da Generalitat e afirman que a Xunta “nin fai nin deixa facer”

Os alcaldes de Vigo, Pontevedra e Ferrol agradecen a solidariedade amosada co povo galego pola Generalitat de Catalunya mediante o envio de tres barcos anticontaminación para traballar na limpeza das costas galegas. O Goberno catalán respondeu xenerosamente a unha petición institucional coa que os alcaldes pretenderon dar resposta ás solicitudes de medios técnicos reclamados polos mariñeiros de todo o país. Estes barcos, preparados para loitar contra o fuel no mar, chegan coa disposición de traballar no lugar que se precise e supoñen un novo reforzo no empeño por atallar canto antes os riscos derivados da marea negra do Prestige.

Os alcaldes destas tres cidades galegas estiman que a reacción da Xunta de Galiza resaltando só neste caso e de xeito alarmista un risco meioambiental cuestionable- o suposto perigo de transporte do mexillón cebra (que os próprios informes técnicos da Generalitat e outros institutos especializados desminten)- supón unha posición imprópia da institución que representa a todos os galegos e amosa un carácter sectario e partidista que provocou roces perfectamente evitábles coa Generalitat apresentando case como “apestados” uns barcos postos solidaria e eficientemente ao servizo dos intereses de Galiza.

En opinión dos alcaldes, o PP parece empeñado en non se adicar eficazmente á máxima prioridade actual e á súa obriga como forza governante: loitar contra o fuel e facilitar o traballo de todos os méios técnicos e humanos necesários: “neste caso amosou a súa cara máis destructiva: nin fai nin deixa facer”.

Afortunadamente, a xenerosidade e a paciencia das autoridades catalanas vai permitir que nos próximos dias estes barcos estexan a disposición das necesidades da loita anticontaminación das costas galegas. Como alcaldes das tres cidades congratulamo-nos deste feito dando por terminada a nosa xestión e reafirmamos a nosa intención de seguir aportando solucións, dentro das nosas posibilidades, para traballar contra a catástrofe que nos asola.