Escoitar

Tanxarina pechará a programación de ¿Xogas?, en galego podemos

xoves, 9 xan 2003
imx2200.jpg
Contaloucos, de Tanxarina
Unha actuación de Tanxarina poralle fin á programación do outono-inverno de ¿Xogas?, en galego podemos. Este programa de actividades da Concellería de Normalización Lingüística pretende achegar os nenos ao idioma galego dun xeito divertido e didáctico. A cita será o sábado 11 de xaneiro ás 18:00 no auditorio do Concello.

Durante os meses de novembro e decembro pasados o programa contou con obradoiros, xogos populares e colectivos, contacontos, cantigas, adiviñas... que percorreron Teis, Coruxo, Coia, Lavadores, Alcabre, As Travesas e o centro de Vigo. O obxectivo do programa era achegarlle á poboación máis cativa momentos de diversión, creatividade e coñecemento da lingua galega, así como dos contos e xogos que desde sempre estiveron entre nós: os birlos, a mariola, o gato e o rato...

Neste programa do Servicio de Normalización Lingüística do Concello de Vigo quésese transmitir que é posible aprender, divertirse e pasalo ben utilizando o galego. Coa axuda de obradoiros e xogos inténtase ampliar o vocabulario da xente nova, potenciar a expresión verbal e musical, dar a coñecer xogos populares, favorecer o traballo en equipo e o coñecemento mutuo e a educación para a paz, a tolerancia e o respecto pola natureza.

Contaloucos, de Tanxarina

Un espectáculo tolo: tres tolos titiriteiros e unha tolería de representación para escenificar dous contos escollidos da literatura máis universal e contemporánea.

Monecos das máis diversas técnicas contan historias que falan de cousas de agora mesmo, con todo o sabor dos contos tradicionais: unha guerra, un trasno, o anti-militarismo, o valor da amistade, tres portas e un concurso: sapos e mariñeiros... e unha chea de sorpresas.

Son dúas historias relatadas con animacións diversas e traballo actoral, nun divertido e permanente xogo escenográfico cheo de ”gags” imaxinativos e situacións cómicas.
Descargar todas as imaxes