Escoitar

Tardes Vivas ofrécelles ós rapaces un espacio alternativo á rúa onde estar cos colegas as tardes dos sábados

xoves, 9 xan 2003
A Concellería de Xuventude puxo en marcha Tardes Vivas, dirixido ós mozos de 13 a 17 anos, aproximadamente, co fin de que nas tardes dos sábados teñan un espacio alternativo á rúa onde estar cos seus colegas e facer unha serie de actividades lúdicas se o desexan.

O programa comezou o pasado 21 de decembro e nun principio desenvolverase ata finais deste mes de xaneiro, coa posibilidade de ter continuación. O que o Concello pretende é, fundamentalmente, facilitarlles ós rapaces a tarefa de decidir a qué dedica-la tarde dos sábados, poñendo a súa disposición locais abertos nos que estar e pasa-lo tempo cos colegas e poder facer a tira de cousas.

Seis son as sedes das Tardes Vivas: o Parque do Castro, o Centro Xuvenil Uruguai (Uruguai, 9), a Asociación Veciñal Doutor Fléming (Zamora, 80), o Plan Comunitario de Teis (Coutadas, 59), o Plan Comunitario do Casco Vello (Oliva, 12) e o Centro Xuvenil Abertal (Venezuela, 3).

Nestes lugares, os rapaces poden estar cos colegas falando, escoitando música, vendo cine ou participando das actividades programadas entre as 17.30 ás 20.30 horas. Este sábado son as seguintes:

–Parque do Castro: foto dixital, cómics, cíber, xogos de mesa e obradoiros.
–Uruguai: xogos de rol, vídeo-TV, repostería e internet.
–Dr. Fléming: roteiro polo Casco Vello, xogos de mesa e internet.
–Teis: ludoteca, espacio libre, cartón pedra, bisutería e pins.
–Casco Vello: videosesión, ¿Falamos?, komotoko e xogos de rol.
–Abertal: scattergories, futbolín, internet, ping pong e xogos de mesa.