Escoitar

Participación Cidadá edita unha ”Carta de Servicios”

xoves, 9 xan 2003
imx2201.jpg
Publicación
A Concellería de Participación Cidadá publicou unha ”Carta de Servicios” de Atención Cidadá co obxectivo de proporcionarlle aos usuarios información descritiva sobre os servicios ofertados.

A concelleira Mariló Cabaleiro explicou que se realiza unha avaliación continuada dos servicios prestados desde Atención Cidadá de cara a ofrecer unha maior calidade. Este proxecto foi desenvolvido no marco do convenio de Cooperación Educativa asinado entre o Concello de Vigo e a Universidade de Vigo.

O coordinador do programa por parte da Universidade de Vigo, Enrique Varela, afirmou que este é un proxecto aplicado nas concellerías de Medio Ambiente, Xuventude e Participación Cidadá, aínda que só esta última publicou os contidos do traballo. Distribuiranse 4.000 exemplares da ”Carta de Servicios”.

Os principais servicios prestados desde a Concellería de Participación Cidadá son atención presencial, información telefónica (010), centraliña telefónica e atención telemática mediante www.cidadansvigo.org

Co fin de comprobar o nivel de cumprimento dos obxectivos marcados, establécense indicadores de calidade destes servicios tales como número de chamadas diarias, consultas presenciais, queixas recibidas, consultas telemáticas... Con estes datos elabóranse porcentaxes de resolución de queixas, chamadas resoltas no momento e resolución de consultas fóra do prazo de compromiso de cara á elaboración de estatísticas sobre tipos de queixas, de chamadas e de consultas para especificalas por períodos mensuais, trimestrais e anuais.

Elabórase tamén unha enquisa telefónica de calidade do servicio que engloba todo o Servicio de Atención Cidadá cun mínimo de 2.000 chamadas e cobertura de todo o municipio.

A ”Carta de Servicios” contén un organigrama do Servicio de Atención Cidadá coa descrición dos servicios que presta, unha relación da normativa reguladora de cada prestación ofertada, os indicadores para o seguimento e avaliación da calidade, as liñas de transporte urbano e os planos coa localización dos centros de atención municipal. Engádese tamén a guía de funcións dos postos de traballo que atenden o Servicio de Atención Cidadá.
Descargar todas as imaxes