Escoitar

Parques e Xardíns somete a un plan de rexeneración o parque de Castrelos

venres, 10 xan 2003
imx2212.jpg
Lagoa
A Concellería de Montes, Parques e Xardíns desenvolve no Parque de Castrelos un plan de conservación e rexeneración, que afecta a novas plantacións de árbores, recuperación e reorganización de camiños, supresión de noiros e iluminación co obxectivo de dotar o parque dunhas características acordes ó seu uso polos cidadáns.

Inicialmente estase realizando a recollida das ramas e follas procedentes da poda de limpeza e saneamento a que se someteu ó arborado: así como a recollida dos troncos e a eliminación dos tocóns das árbores que caeron debido as desfavorables e recentes condicións climatolóxicas.

A eliminación da ramaxe destas zonas permitirá crear, trala súa trituración e compostaxe, unha achega de nutrintes e un peche do ciclo natural da materia orgánica, ó mesmo tempo que se poderán plantar novas especies arbóreas ou arbustivas nos baleiros existentes e que complementarán as xa existentes, aumentando o valor ecolóxico e paisaxístico do parque.

Nunha segunda fase, procederase á eliminación da rampa do lateral do auditorio creada no seu momento para facilitar o paso da maquinaria e que na actualidade non serve para o seu uso peonal debido á forte pendente.

Esta rampa contribúe, ademais, a escorrenta e encharcamento na zona baixa, e supón unha ruptura na continuidade natural do noiro. A súa reconstrucción farase con aportes de terra co obxectivo de que o noiro acade o seu estado orixinal. Esta supresión solventarase coa formación dun paso peonal de comunicación.

Nesta fase tamén se procederá a unha definición clara dos camiños e ó seu recebado con xabre, pois debido as chuvias, utilización de maquinaria de poda e recollida e as propias características físicas do chan atópanse deteriorados.
Descargar todas as imaxes