Escoitar

Exposición sobre Manuel Gómez Román na Casa Galega da Cultura

Este mércores día 15 de outubro, ás 12:00 h, inaugúrase na sala de exposicións da Casa Galega da Cultura (praza da Princesa, 2) a mostra "Manuel Gómez Román. Arquitecto e galeguista. Unha ollada desde a Casa Galega da Cultura", organizada pola Fundación Penzol en colaboración coa Concellería de Cultura e Festas e maila Editorial Galaxia, con motivo do 50ª aniversario do seu pasamento.

martes, 14 out 2014
1413286712gomezroman.jpg
Neste ano 2014, o día 11 de novembro, cumpriranse 50 anos do pasamento de Manuel Gómez Román, unha das figuras máis importantes da arquitectura galega, cunha vida chea de compromiso con Vigo e Galicia.

Manuel Gómez Román é unha figura de grande importancia pola súa prolífica obra arquitectónica inspirada nos monumentos galegos e nos nosos pazos. En palabras de Xohán Ledo na revista Grial núm. 7 (1965) "A obra de Gómez Román é testemuño dunha fe nun tempo de salvación en nome de Galicia", poñendo de manifesto o compromiso de cheo coa súa terra e co seu pobo.

A obra de Gómez Román é moi significativa e presente en Vigo e na súa comarca: o edificio Simeón, o edificio Mülder, o Banco de Vigo (hoxe Banco Pastor), a Casa do pobo do sindicato UGT, a Fábrica de Conservas Bernardo Alfageme, a Ermida da Guía, o Antigo Edificio da Caixa de Aforros (na Ronda de Don Bosco), O Monumento á Mariña Universal en Monteferro, ... son mostras dela e da súa importancia. Destacou de maneira sobranceira na arquitectura modernista e ecléctica e tamén na rexionalista inspirándose na arquitectura monumental galega e na nosa edificación tradicional.

Se importante é a súa obra profesional non o é menos o seu papel na vida social, política e cultural, na que se comprometeu firmemente e destacou como figura senlleira. Na política formou parte da Corporación Municipal Viguesa, foi ademais Secretario Xeral do Partido Galeguista, fundador en Vigo da Agrupación ao Servizo da República e candidato ás eleccións municipais de 1936 pola Fronte Popular.

A exposición mostra fondos arquivísticos e documentais da Fundación Penzol e da doazón de Francisco Fernández del Riego ao pobo de Vigo, custodiados na Casa Galega da Cultura. Ademais recolle unha serie de fotografías do Arquivo Fotográfico Pacheco, que dispón dun punto de consulta nesta Casa, o que xustifica o subtítulo Unha Ollada desde a Casa Galega da Cultura.

A exposición estrutúrase nos seguintes apartados:

- Colección de debuxos arquitectónicos de Manuel Gómez Román.
- Fotografías do Arquivo Pacheco.
- A arquitectura de Manuel Gómez Román.
- Actividade cultural: Seminario de Estudos Galegos, Editorial Galaxia, Fundación Penzol e Real Academia Galega.
- Actividade política: Concello de Vigo, defensa da República, Partido Galeguista.
- Actividade social: La Oliva.
- Fotografías do fondo da Fundación Penzol e Fernández del Riego.
- Documentos biográficos.

A exposición permanecerá aberta ao público ata o 23 de novembro.
Descargar todas as imaxes

Máis información