Escoitar

O Concello continua coa entrega das achegas extraordinarias a familias con escasos recursos

O goberno local prosegue este martes coa concesión dos 1.253 cheques sociais para familias viguesas con poucos recursos, a un ritmo de 150 beneficiarios cada día e por importe total de 2 millóns de euros. Abel Caballero destacou que Vigo é "o concello con maior política social de toda España"

martes, 14 out 2014
Caballero explicou que onte deu comezo a entrega dos cheques do plan extraordinario de axuda ás familias, dotado con dous millóns de euros, e hoxe prosegue citando a outros 150 beneficiarios.

O alcalde recordou que os apoios económicos aos 1.253 beneficiarios van destinados aos pagos do aluguer ou hipoteca, da electricidade e do gas e, en terceiro lugar, de alimentos. Caballero salientou que esta iniciativa social se suma ás 100 familias que o Concello atende semanalmente coa partida de axudas de emerxencia, ao sustento prácticamente en exclusiva dos comedores sociais da cidade, á apertura e mantemento dun centro de inclusión e emerxencia social e da concesión das bolsas de comedor escolar, polo que concluiu que "somos o concello con maior política social de toda España".

No plan municipal, o goberno de Vigo efectúa máis de 1.000 apoios ao pago do aluguer ou hipoteca, outros 854 máis para as facturas de electricidade e gas e 755 máis en tarxetas tipo bancarias para gastos de alimentación. Máis de 900.000 euros serán para pagos de hipoteca ou aluguer -163.325 euros se empregarán no pago de atrasos e outros 738.338 euros servirán para abonar os meses de outubro, novemebro e decembro-, 204.000 euros para electricidade e gas -cun importe máximo de 250 euros- e outros 695.000 euros van destinados á adquisición de alimentos. As cantidades a percibir varían en función dos ingresos, o número de membros da unidade de convivencia e de ter hipoteca ou aluguer.

Segundo aclarara Caballero nunha comparecencia anterior, unha familia pode resultar beneficiaria de axudas so para vivenda, para vivenda e enerxía ou tamén para vivenda, enerxía e alimentos, dependendo do baremo dos técnicos. Deste xeito, o Concello acordou unha axuda mínima de 138,15 euros e unha máxima de 5.111,55 euros.

O Concello reserva 200.000 euros para as reclamacións que se acepten e, de non gastarse, estes fondos irían destinados a ampliar a partida de axudas de emerxencia.