Escoitar

Vigo acollerá en setembro a sétima edición do Congreso Internacional de Novos Empresarios de Galicia

Os días 25 e 26 de setembro celebrarase no Centro Social Novacaixagalicia baixo o lema "Talento en Rede". Trátase dun congreso configurado como lugar de debate e intercambio de experiencias para emprendedores e empresarios novos. O alcalde, Abel Caballero, asegurou que "en Vigo funcionamos no mundo da globalización" e eloxiou a organización desta proposta internacional.

luns, 16 xuñ 2014
1402918984aje.JPG
O Congreso Internacional converteuse nunha cita anual que reúne algunhas das voces máis influíntes en materia de economía e empresa. A sétima edición da mesma será o 25 e 26 de setembro no Centro Social Novacaixagalicia e levará por lema "Talento en Rede", para poñer en valor -mediante ponencias e mesas redondas- a importancia de establecer conexións entre persoas e profesionais, de compartir e formar parte dunha rede, como unha asociación de novos empresarios.

Tras sete anos en Vigo, o Congreso iniciará unha nova andaina a partir do próximo 2015, cambiando de sede rotativamente por outras cidades galegas para que todas as asociacións de novos empresarios de Galicia formen parte activa desta iniciativa.

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, participou hoxe luns na presentación do congreso ante os medios de comunicación, xunto ao presidente da Asociación de Novos Empresarios de Vigo, Rubén Hermida, e o presidente da Confederación de Empresarios de Pontevedra, Luis Novoa.

O rexedor felicitou á entidade polo seu "traballo", que está a marcar unha "boa impronta na cidade de Vigo" no impulso á mocidade que quere crear a súa propia empresa. Caballero eloxiou a organización do Congreso e asegurou que Vigo funciona "no mundo da globalización".
Descargar todas as imaxes