Escoitar

O Concello aproba as contas "máis sociais e de creación de emprego da historia"

Vintetrés dos vintesete concelleiros da Corporación validaron hoxe os "orzamentos máis sociais e de creación de emprego da historia". Así o explicou o rexedor durante unha rolda de prensa posterior a sesión plenaria e na que se amosou "moi satisfaeito" porque Vigo conta co orzamento máis social de toda España.

venres, 13 xuñ 2014
Cinco mil bolsas de comedor, vivendas para 150 ou 200 persoas desafiuzadas, tarxeta da dignidade, garantías para que ninguén quede sen enerxía nas súas casas son algúns dos aspectos que, na opinión do rexedor, convirten os orzamentos de Vigo nas contas "máis sociais e de creación de emprego da historia". O rexedor avaliou deste xeito a aprobación definitiva que esta mañá recibiron en sesión Plenaria os orzamentos de 2014, cos votos favorables de PSOE e PP, e co voto en contra dos tres edís do BNG. Deste xeito, 23 dos 27 concelleiros (non estaba presente Cayetano Rodríguez) ratificaron o maior apoio da historia recente da cidade a uns orzamentos municipais, os presentados polo goberno local, "máis sociais e máis solidarios", en verbas da tenente de alcalde, Carmela Silva. Esta aprobación representa o sétimo documetno de orzamentos consecutivo desde a chegada de Abel Caballero á Alcaldía.

Durante a sesión plenaria, a tenente de alcalde, Carmela Silva, defendeu o texto -con 228 millóns de euros de cuantía total- sinalando que é "o máis social e o máis solidario" da historia da cidade e presenta "menos presión fiscal" para a cidadanía. Indicou Silva que o orzamento "pon o acento na xente e nas súas necesidades" pois as partidas para política social e promoción de emprego se incrementan un 22,5% con respecto ao pasado ano, e detallou que os 5,5 millóns de 2014 para creación de emprego supón o dobre do gastado hai tres anos neste concepto.

Silva fixo fincapé no gasto social previsto nestas contas, subliñando os 4,1 millóns de euros que se adicarán a axudas a comedores sociais, bolsas de comedor escolar e convenios con entidades sociais, ademáis dos 700.000 euros para o funcionamento do Centro de Inclusión e Emerxencia Social e os 2 millóns de euros para achegas directas a familias para a adquisición de alimentos, o pago do aluguer e da enerxía. Tamén recordou a tenente de alcalde os 12 millóns cos que o goberno local subvenciona aos usuarios do autobús urbano que empregan a tarxeta verde.

Co orzamento de 2014, a socialista recordou que o goberno de Vigo continúa rebaixando a débeda do Concello cos bancos "camiño da débeda cero", mantén os investimentos para seguir "transformando a cidade", inclúe unha partida para o apoio ao aeroporto de Vigo e recupera as axudas para que os alumnos de Secundaria poidan estudar inglés no estranxeiro, unha medida "sinónimo de igualdade de oportunidades e xustiza social".