Escoitar

Vigo súmase ao día Mundial do Doador de Sangue cunha unidade móvil instalada mañá en Príncipe

Unha unidade móvil do Centro de Transfusión de Sangue de Galicia estará instalada mañá venres na Farola da rúa Príncipe en conmemoración do día Mundial do Doador de Sangue. Segundo cifras oficiais, Vigo foi ano pasado a cidade con maior número de doacións, un incremento dun 10,5% respecto ao exercicio anterior.

xoves, 12 xuñ 2014
1402574124sangre.JPG
O alcalde de Vigo sumouse esta mañá ao chamamento a participar mañá venres 13 de xuño nunha campaña especial de doazón de sangue con motivo da conmemoración do Día Mundial do Doador de Sangue, que promove a Organización Mundial da Saúde e que se conmemora o próximo sábado 14 de xuño. Na rolda de prensa de presentación tamén participaron Angeles Pazos, voceira do Centro de Transfusión de Galicia e Celso García Estévez, presidente da Asociación de Doantes e Receptores de Órganos de Vigo (Adrovi).

Segundo explicou o rexedor, a unidade móbil do Centro de Transfusión estará instalada mañá venres ao carón da farola da Rúa Príncipe das 09,30 ás 14,30 horas e das 15,30 ás 21,00 horas. Ademais, membros de Adrovi instalarán unha mesa informativa ao carón da unidade móbil para informar sobre os distintos xeitos de doazón (órganos, sangue e medula ósea). A Cafetería Venecia agasallará cun xeado a todas as persoas que acudan a doar sangue ata a unidade móbil.

Datos de Vigo
Tal e como explicou a voceira do Centro de Transfusión, no pasado ano 2013, a cidade de Vigo confirmouse como o concello galego con maior número de doazóns de sangue, obtendo un total de 14.652 doazóns, cifra que supuxo obter un índice de 49 doazóns por cada 1.000 habitantes e ano. Ademais, no pasado exercicio, Vigo acadou un incremento do 10,5% no seu volume de doazóns.

O Centro de Transfusión de Galicia, dixo Angeles Pazos, quere amosar o seu sincero agradecemento ao Concello de Vigo e Cafetería Venecia por unirse aos actos de conmemoración do Día Mundial do Doador de Sangue, así como a Adrovi e a todos os cidadáns que, todos os días do ano, participan activamente nas campañas de doazón de sangue.
Descargar todas as imaxes