Escoitar

O goberno de Vigo achega aos colexios públicos 291.000 euros para obras de mantemento

Correspondente a 2014, o Concello aprobou este venres a concesión de 291.000 euros aos centros de Educación Infantil e Primaria de Vigo para que os propios consellos escolares efectúen obras de mantemento ordinario nos colexios. A Xunta de Goberno Local acordou asemade aprobar o convenio para a realización da Reconquista, cun incremento da achega municipal total ata os 85.000 euros.

venres, 21 mar 2014
A Xunta de Goberno Local decidiu hoxe venres aprobar a xestión directa de 291.000 euros polos consellos escolares dos colexios públicos para obras de mantemento ordinario dos recintos. Así o informou o alcalde de Vigo ante os medios de comunicación, un programa de fondos munipais que procura acadar unha maior economía, axilidade e operatividade, ao tempo que se potencia a participación dos consellos escolares na conservación dos centros públicos.

Segundo este sistema de autoxestión, o Concello de Vigo achega esta cantidade -291.000 euros para este 2014- aos colexios para que sexan os propios consellos escolares os que poidan efecutar traballos de mantemento preventivo, conservación, reparación e seguridade.

Reconquista
O goberno de Vigo tamén deu luz verde ao convenio de colaboración coa Asociación Veciñal e Cultural Casco Vello para a organización dos actos correspondentes á celebración da Reconquista deste ano. O alcalde informou que, para a organización desta festividade, o Concello achega en 2014 un total de 85.000 euros, 10.000 euros máis que no pasado 2013 ao durar este ano un día máis a festa.

Outros acordos
O rexedor informou que a Xunta de Goberno Local aprobou as bases e a convocatoria de subvencións do bono-taxi para este ano, un sistema polo que o Concello financia viaxes en coches adaptados a persoas con graves problemas de mobilidade que non poden empregar o transporte público colectivo. A administración que preside Caballero reserva 25.000 euros para este apartado, con subvencións de carácter individual.

Por outra banda, o goberno local tamén adxudicou a xestión dos servizos da Escola Municipal de Teatro por importe superior aos 89.000 euros para un ano, prorrogable ata finais de xullo do 2015. Caballero salientou a baixa de licitación dun 11%, co que se prestará o mesmo servizo a menor prezo.