Escoitar

Urbanismo urxe ás adxudicatarias a construcción de vivendas protexidas na Praza Elíptica e Zaragoza

O Concello da quince días ás beneficiarias para formalizar as escrituras públicas das parcelas municipais subastadas para a construcción de 36 pisos protexidos na Praza Elíptica e outros 8 na rúa Zaragoza. O goberno local tamén iniciou o expediente para realoxar a unha familia desafiuzada dun piso en Pizarro.

venres, 31 xan 2014
O Concello de Vigo, a través da Xerencia de Urbanismo, urxe ás adxudicatarias a formalizar en 15 días as escrituras públicas para iniciar a construcción de edificios para vivendas de protección en parcelas subastadas ao efecto polo goberno local.

Segundo explicou Caballero, este trámite estaba en suspenso xa que as empresas alegaron que non podían acceder ás achegas da Xunta de Galicia ao non estar dispoñibles e non garantir, por tanto, a edificación. Unha vez o Instituto Galego de Vivenda e Solo aprobou as axudas en maio, desapareceu a causa que motivaba a suspensión e o Concello da quince días ás compañías para subscribir as escrituras públicas.

O alcalde recordou que o goberno local subastou estas dúas parcelas de titularidade municipal para a construcción de vivendas protexidas. O solo da Praza Elíptica foi adxudicado por un millón de euros e neste edificaranse 36 pisos de prezo taxado; o da rúa Zaragoza permitirá facer 8 vivendas e foi adquirido por 185.000 euros.

Realoxo
Abel Caballero informou asemade da incoación do expediente para o realoxo temporal e urxente dunha familia -desaloxada da súa vivenda habitual na rúa Pizarro- nun piso do Concello na rúa Anduriña. O alcalde estimou que en "poucas semanas" podería estar concluído o traslado, pois a realización dos trámites necesarios ten preferencia dada a urxencia deste caso.

Licenzas
O Concello, mediante o departamento de Urbanismo, concedeu esta semana 15 autorizacións para obra e outras 3 para actividade, para un investimento total próximo ao millón de euros. Caballero salientou os permisos concedidos para a construcción dun edificio en Camiño Barrocas, en Navia, para 12 pisos, e para obras no existente en Elduayen 2, destinadas a recuperar o uso inicial de vivendas segundo o deseño orixinal.