Exposición ‘Unha máquina desexa instrucións como un xardín desexa disciplina’<br />
Últimos días para visitar esta mostra, que se clausura o 2 de febreiro
Este venres no MARCO proxección de Robinson in Ruins, de Patrick Keiller
Este venres 31 de xaneiro,ás 19.30 h. o salón de actos del MARCO acollerá a proxección do filme Robinson in Ruins. Dirixida por Patrick Keiller, e coa voz de Vanessa Redgrave como narradora, a película documenta a viaxe dun personaxe de ficción polas terras do sur de Inglaterra. Patrick Keiller é un dos artistas participantes na exposición ‘Unha máquina desexa instrucións como un xardín desexa disciplina’, e a proxección da súa película marca tamén o fin desta mostra, que se clausura o domingo 2 de febreiro nas salas do 1º andar do MARCO. Serán pois os últimos días para visitar esta exposición, un proxecto comisariado por Catalina Lozano, gañadora da última edición do Premio para novos comisarios, e que tras a súa clausura en Vigo se exhibirá no FRAC Lorraine de Metz, Francia.
xoves, 30xan2014
Concibida como continuación doutras dúas películas do mesmo autor —London (1994) e Robinson in Space (1997)—, Robinson in Ruins foi estreada en 2010 na 67ª edición do Festival de Cine de Venecia (2010). A actriz Vanessa Redgrave actúa como narradora tras a morte de Paul Scofield, narrador nos dous filmes anteriores. O mesmo que o seu predecesor, a súa voz sérvenos de guía no deambular do personaxe principal, Robinson, polo sur de Inglaterra. A medida que percorremos os territorios de Oxfordshire e Berkshire, reflexións sobre arquitectura, filosofía, arte, ciencia, política, historia ou agricultura vanse entretecendo con imaxes deses lugares, nunha procura da identidade a través da paisaxe, reivindicando a dimensión emocional que aínda latexa na súa superficie. Dende a súa posición de cineasta-investigador, Keiller insiste na utilidade das imaxes como ferramenta de pensamiento, e utiliza a súa polisemia para retratar o paso do tempo.
+ INFO sobre a exposición ‘Unha máquina desexa instrucións como un xardín desexa disciplina’ en http://www.marcovigo.com/content/unha-m-quina-desexa-instrucci-ns-como-un-xard-n-desexa-disciplina